CAMELIAS MASCOTAS

Chega ‘8 Pés’, un festival ao redor do órgano

Coa celebración de Santa Icía, patrona dos músicos, a Orquestra Clásica de Vigo trae á cidade 8 Pés, un festival que achegará o órgano ao público na Colexiata, a EMAO e a Sede da Deputación entre o 23 e 27 de novembro. Trátase dunha oportunidade única de coñecer en profundidade este peculiar instrumento do que non é habitual desfrutar como prato principal.

Máis de 100 anos pasan pola madeira do órgano Alberdi de Vigo. O instrumento, fabricado en 1909 polo maestro Alberdi, é unha peza única da nosa historia. Tras 40 anos de abandono total, é restaurado e preparado para ter unha nova vida na actualidade recuperando a súa calidade de patrimonio, sendo esta unha medida excepcional xa que “hai órganos perdidos, convertidos en chatarra”, lamenta Manuel Martínez, director da Orquestra Clásica de Vigo. Precisamente co obxectivo de destacar a relevancia desta peza, e coincidindo coa semana de Santa Icía, xorde o festival 8 Pés, unha celebración da música que chega para quedarse e que contará cunha programación especial de concertos, conversas, mesas redondas e visitas guiadas ao redor do instrumento.

Nesta primeira edición, tres organistas de primeiro nivel farán soar o órgano da Concatedral nos seus respectivos concertos: o asturiano Fernando Álvarez, que estará acompañado ao violín por Vicente Cueva; o valenciano Arturo Barba, e a vasca Loreto Aramendi, quen compartirá programa coa Orquesta Clásica de Vigo no concerto de peche do festival.

Unidas a estes tres concertos, haberá conversas previas cos solistas. Ademais, a programación complétase con visitas diarias de martes a venres (17h) ao órgano da Concatedral de Vigo e unha visita guiada o sábado (11h) polos órganos de Alberdi na ría de Vigo (Igrexa de Santiago de Vigo, Concatedral e igrexa de Santiago de Cangas). Tamén con mesas redondas para afondar no coñecemento do instrumento en xeral e do órgano da Concatedral de Vigo en particular. Así, desde o taller Acitores contarán a intervención no órgano da Concatedral en 2017 e mergullaranos na súa historia. Pola súa parte, Marisol Mendive, profesora de órgano, e Daniel Goberna, prefecto de música da Concatedral, falarán sobre o instrumento na igrexa.

Programa por días | Todas as actividades serán de balde previa retirada de convite na plataforma Enterticket a través desta ligazón e haberá un límite de 2 convites por operación.

Martes 23 de novembro

17:00h – Visita guiada ao órgano da Concatedral de Santa María de Vigo

18:00h | Biblioteca da EMAO – “O órgano da Concatedral de Vigo”. Conferencia de A. Acitores sobre a intervención no órgano da Concatedral no ano 2017 + Mesa redonda sobre a historia do órgano da Concatedral con Manuel Martínez Álvarez-Nava, Pablo Abreu e Acitores. Modera Daniel Sanmartín.

Mércores 24 de novembro

17:00h Visita guiada ao órgano da Concatedral de Santa María de Vigo

18:00h | Sede da Deputación de Pontevedra – Conversa cos solistas Vicente Cueva (violín) e Fernando Álvarez (órgano).

21:00h | Concatedral Santa María de Vigo – Concerto de Vicente Cueva (violín) e Fernando Álvarez (órgano). Lugar: Concatedral Santa María de Vigo (acceso do público ao remate da misa sobre as 20:30h)

Xoves 25 de novembro

17:00h – Visita guiada ao órgano da Concatedral de Santa María de Vigo

18:00h | Biblioteca da EMAO – “O órgano na Igrexa: formación, liturxia e interpretación”. Mesa redonda con Marisol Mendibe e Daniel Goberna. Modera Daniel Sanmartín.

Venres 26 de novembro

17:00h – Visita guiada ao órgano da Concatedral de Santa María de Vigo

18:00h | Sede da Deputación de Pontevedra – Conversa entre Arturo Barba e Loreto Aramendi.

21:00h | Concatedral Santa María de Vigo – Concerto de Arturo Barba (órgano): “Contrapunto, desenvolvemento e variación”. Lugar: Concatedral Santa María de Vigo (acceso do público ao remate da misa sobre as 20:30h)

REVISTA NOVEMBRO

Sábado 27 de novembro

11:00h – Visita aos órganos Alberdi na ría de Vigo (Igrexa de Santiago de Vigo, Concatedral de Santa María e igrexa de Santiago de Cangas). Colabora: Naviera Mar de Ons.

21:00h | Concatedral Santa María de Vigo – Concerto da Orquesta Clásica de Vigo coa solista Loreto Aramendi (órgano) e baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava. Acceso do público ao remate da misa sobre as 20:30h