VIALIA
bannerPicnicSesions

Certifix: homologacións sen enredos

Se algunha vez pasaches polo proceso de ter que homologar algunha variación no teu vehículo, saberás que tende a ser un trámite lento, custoso e máis complexo do que debería. Coa idea de facilitar e mellorar este servizo, Pablo García e Tomás Piñeiro crearon en 2020 a empresa Certifix. «Queremos dar a coñecer que é a homologación e democratizar de que se trata», explica Piñeiro.

A mellora principal que nos achega esta empresa situada na parroquia de Sárdoma, é a plataforma dixital que ofrece, que nos permite automatizar todo o proceso de inspección e comunicación co cliente e fuxir de procedementos burocráticos revirados. De modo que se queremos homologar, por exemplo, un gancho de remolque, abonda con tomar unhas poucas fotos, cubrir os datos da reforma e subir á web a documentación precisa. En dous días, en comparación coas dúas semanas que adoita tardar o proceso tradicional, xa teremos o informe. Esta validación é completamente oficial, pois Certifix está homologada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). «Somos como unha ITV dixital; no canto de facer unha inspección física e periódica, facémola de xeito remoto e soamente cando se modifica algo», resumen. Aleróns, ancho de vías, calefacción, carrocería, faros, ganchos de remolque, lamias, manguitos de freo, modificación do número de prazas, pneumáticos non equivalentes, sidecars, sistemas para PMR, suspensión, vehículos isotermos ou vehículos taller, vidros… todas estas variacións requiren ser homologadas para poder pasar a revisión da Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

Un medio de transporte para o que se esixe este tipo de validacións de forma máis habitual son as furgonetas camper. Este tipo de vehículo leva uns anos en auxe, pois ofrece moita liberdade á hora de viaxar, cunha chea de modificacións no interior: caixas de augas limpas e contaminadas, caixóns, camas, claraboias, frigorífico, mobles, neveira, teito emerxente… Recibir un bo asesoramento pode supoñer menos dores de cabeza e máis aforro: «Temos case 100 recensións en Google e todas son de cinco estrelas: a xente valora o tempo que lle dedicamos a cada caso», comenta Tomás.

REVISTA ABRIL

Tamén inciden na importancia de recibir información fiable por parte dunha empresa acreditada, pois é habitual obter datos contraditorios segundo se recada a información dun foro na Rede, do mecánico do barrio ou dun cuñado que sabe moito de coches. Certifix é un grupo de xente nova e motivada que non dubida en utilizar as redes sociais para achegar información útil e ben contrastada, evitando o hermetismo característico da competencia. «Fíxose viral un vídeo de TikTok que publicamos sobre cómo converter un vehículo mixto M1 (transporte de carga e pasaxeiros) nun turismo (transporte de pasaxeiros), para pasar ITV cada máis tempo e conducir legalmente a máis velocidade”», finaliza o xerente.

Estrada do Freixo (Sárdoma), 45 | 886 13 84 52 | certifix@certifix.es | @certifix.homologaciones

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.