Catro opcións para investir en saúde neste comezo de ano
Despois das datas natalicias é difícil non sentir que quizais descoidamos un pouco o corpo coa comida e a bebida. Deixamos varias propostas para comezar o ano de xeito saudable e, por que non, pasando un bo momento facendo deporte.

Centro de Entrenamiento Personal DGO

Hai unha década que David García Oterino se decidiu a abrir un centro de adestramento multidisciplinario que, ante a proliferación de grandes ximnasios de baixo custo, ofrecese un servizo personalizado coma nos ximnasios de barrio. A súa aposta funcionou e o local comezou a quedarlle pequeno, polo que o ano pasado se trasladou a outro tres veces máis grande, situado a uns poucos metros do anterior.
Ademais das clases en liña, que David segue a impartir para aquelas persoas con menos tempo para achegarse a DGO, o centro ofrece principalmente tres tipos de adestramento: persoal, grupal e libre. O primeiro está dirixido a persoas pouco habituadas a facer deporte, á terceira idade ou a xente que busque resultados máis rápidos. O segundo tipo é o máis habitual, un xeito de facer deporte e socializar, sempre en grupos reducidos. Por último, o adestramento libre ofrece maior liberdade horaria, pero seguindo unha rutina mensual creada expresamente polos profesionais do centro. A maiores, DGO ofrece servizos de osteopatía, nutrición e desenvolvemento persoal, con métodos coma o coaching, o mindfulness ou a xestión do estrés. Se algunha destas propostas encaixa co noso estilo, David convídanos a probar unha clase de balde.
Rúa da Travesía de Vigo, 188 | 630 66 77 33 | davidgarciaoterino.com | @centrodgo
Club de Esgrima Cidade de Vigo

En 2001 a deportista e médica colombiana Nena Cano fundou un dos primeiros clubs de esgrima vigués, o Club de Esgrima Cidade de Vigo. O seu fillo Daniel Pinto seguiu os seus pasos e hai catro anos converteuse nun dos mestres da escola: «Para min é un deporte familiar; sempre me gustou a parte do combate, da estratexia e do engano», comenta Daniel sobre a esgrima. Tamén recoñece a importancia doutros mestres do club como Gabriel Traversa na súa paixón por esta disciplina.
Nestes últimos anos o interese por este deporte aumentou notablemente: Galicia é a segunda comunidade con máis licenzas de España, con máis de setecentas, o seu máximo histórico. Con todo, Daniel bota en falta unha maior modernización da Federación Galega de Esgrima, á que non considera á altura dunha rexión que mesmo conta con medallistas olímpicos. Na actualidade, o Cidade de Vigo está formado por uns trinta atletas que van dos 5 aos 65 anos, repartidos en tres grupos: Minisementeira (4-9 anos), Sementeira (10-18 anos) e A Fraga (desde 18 anos). As modalidades que practican son florete, espada e esgrima ás cegas. Segundo Daniel, este deporte ofrece todo tipo de beneficios tanto físicos (flexibilidade, forza, axilidade, coordinación…) coma psicolóxicos (constancia, sacrificio, responsabilidade…). O tipo de adestramentos da escola bebe da filosofía Montessori, pois deixan que sexan os atletas os que atopen o seu camiño e as súas propias respostas, sen impoñer un único modo de facer as cousas.
Pavillón Pablo Beiro, rúa de Eduardo Cabello | 609 84 31 23 | esgrimaciudadvigo@gmail.com | @esgrimacidadevigo
Kintsugi

Hai uns poucos meses abría pola zona de Independencia un espazo dedicado a transformar o benestar físico e emocional a través do pilates, o ioga e os hipopresivos. As clases, individuais ou en grupos reducidos, adáptanse a cada persoa e teñen lugar de luns a venres en horario de mañá e tarde. Detrás deste proxecto está Nieves López, quen nos explica que o nome do centro vén dunha técnica xaponesa para arranxar as fracturas da cerámica que, lonxe de ocultalas, lles dá máis valor tinguíndoas de dourado. Isto, trasladado á actividade física, implica aceptar as cicatrices do noso corpo (lesións, dor, operacións, malas posturas…) mediante o autocoñecemento e a conciencia corporal e sensorial.
O catálogo de clases é amplo e variado: ioga (modalidades hatha e vinyasa), pilates (con máquinas, no chan e tamén para embarazadas) que se combinan con Organics (método creado por Marta Soteras no que se utilizan materiais coma elásticos, resortes ou esferas) e Garuda (método creado por James D’Silva que mestura pilates, ioga e danza), hipopresivos (posparto e RSF, enfocados ao rendemento deportivo máis esixentes e ideais para gañar forza na musculatura esencial) e moi pronto danzaterapia. Importante é tamén o servizo de nutrición, no que unha especialista realiza plans á medida que se adaptan á nosa rutina e as nosas posibles patoloxías alimentarias. Ademais ten desconto se o complementas con calquera das anteriores actividades.
Rúa de Pintor Colmeiro, 6 | 986 51 93 84 e 639 75 94 99 | info@kintsugivigo.com | @kintsugi.vigo
Play Training

Os adestramentos dirixidos por María e o equipo de Play Training son sempre en grupos reducidos, entre catro e oito persoas. O programa deste centro son exercicios enfocados en mellorar a forza e o cardio, adaptados a cada persoa, independentemente da idade ou da forma física. Ademais, o centro comparte espazo cun club de pádel, polo que María tamén ofrece adestramentos enfocados a este deporte ou a recuperarse de lesións propias da súa práctica.
Os adestramentos contan cunha estructura ordenada. Tras unha parte inicial de quecemento, poñendo o foco na mobilidade, e xogos para preparar o corpo de xeito integral, pásase aos exercicios de alta intensidade enfocados en mellorar a forza e o cardio. Esta é a parte central do adestramento, que tamén serve para ir aprendendo a técnica correcta. Por último, é o momento de estirar para evitar lesións, reducir a tensión e recuperar folgos despois dunha sesión intensa. O espazo está dispoñible en alugueiro as fins de semana para outros profesionais da saúde e do deporte que queiran realizar diferentes tipos de formacións sobre temas coma o ioga, a nutrición ou a importancia da pisada.
Rúa do Caramuxo, 52 | 669 34 71 54 | @playtraining_enpevigo