Catro cines vigueses ofrecen entradas a 2€ aos maiores de 65 anos
Grazas ao Programa Sénior impulsado polo Ministerio de Cultura, as persoas maiores de 65 anos poderán acudir desde hoxe cada martes as salas de cinema por só dous euros. Na nosa cidade son catro os establecementos adheridos a esta iniciativa: Tamberlick (Plaza E), Multicines Norte, Yelmo Cines (Travesía) e Yelmo Premium (Vialia).
Hoxe, martes 11 de xuño, arranca o Programa Sénior impulsado polo Ministerio de Cultura, que permite as persoas maiores de 65 anos acudir os martes as salas de cinema por só dous euros. Máis de 400 salas están adheridas en toda España, 17 das cales pertencen a Galicia. Vigo aporta catro establecementos: Tamberlick (Plaza E), Multicines Norte, Yelmo Cines (Travesía) e Yelmo Premium (Vialia).
Esta medida busca incentivar a volta das persoas da terceira idade ás salas, xa que constitúen o grupo de idade que máis está tardando en retomar os hábitos prepandemia: “se o 49,3% dos mozos de 20 a 24 anos acudiu polo menos unha vez ao ano ao cinema entre 2021 e 2022, esa porcentaxe cae ata o 6% na poboación de máis idade”, explica a nota de prensa do Ministerio. Tamén incide no cinema como acto social e presencial, que pode axudar a combater outro dos males que sofren os nosos maiores: a soidade non desexada. A día de hoxe o sector da exhibición cinematográfica aínda se atopa aproximadamente cun 40% menos de espectadores en relación coa media dos anos 2017 ao 2019, destacando como un dos sectores culturais máis afectados pola crise sanitaria.
O programa conta cun orzamento de 10 millóns de euros a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado 2023. As entradas só poderanse expedir nos despachos de billetes das salas, previa identificación da persoa e a acreditación da súa idade. Haberá que ver se esta medida serve para atraer á xente maior as salas ou, polo contrario, se a súa ausencia nestes espazos non tiña que ver con motivos económicos. Actualmente nas salas viguesas están en carteleira Indiana Jones y el Dial del Destino, Sin malos rollos, Asteroid City, Vacaciones de verano, Spider-Man: Cruzando el Multiverso, La Sirenita, The First Slam Dunk, Aisha ou Vesper, entre outros.