Castrelos viaxará á década dos 90 con Fangoria
A poucos meses do seu trinta aniversario, Fangoria vén a Castrelos presentar ‘Extrapolaciones y dos preguntas. 1989-2000’. O primeiro, de dous discos de versións de cancións que marcaron a súa traxectoria. Hai seis anos da súa última actuación na finca da marquesa e prometen volver facer bailar ao público como daquela.
Unha chuviosa noite de agosto do 2013 o auditorio de Castrelos vibraba ao son de temas como A quien le importa, No sé que me das ou Bailando . Fangoria chegaba a Vigo, días máis tarde do planeado e en solitario. O concerto con Love of Lesbian programado para o 26 de xullo tivo que ser cancelado polo tráxico accidente de Angrois. Pese a todos os imprevistos, o dúo formado por Alaska e Nacho Canut logrou convencer aos seus fans que non deixaron de bailar baixo a chuvia durante todo o concerto.
Poucos grupos son quen de acadar as tres décadas de existencia. Fangoria é un deles. Como non é pouca cousa, prometen que o concerto deste mércores en Castrelos será unha gran festa de celebración. A orixinal idea de Alaska e Nacho Canut para conmemorar os seus trinta anos de vida consiste na publicación de dous discos de versións de cancións que marcaron a traxectoria do grupo. O primeiro, publicado a comezos deste ano, Extrapolaciones y dos preguntas, recolle 13 temas de grupos españois que soaron entre 1989 e o 2000. Entre a selección atopamos Historias de amor de OBK, Solo para ti das Killer Barbies ou Gritando amor de Fabio McNamara. O CD tamén inclúe dous temas inéditos en forma de pregunta ¿Quién te has creído que soy? e ¿De qué me culpas?. O segundo disco, aínda sen publicar, recollerá outros 13 temas que foron lanzados do 2000 á actualidade, máis outros dous temas inéditos de Fangoria, desta vez a modo de resposta.
Segundo eles mesmos explican, escolleron temas que os fixeron felices e que fixeron que se sentiran acompañados. Ademais cren que é unha oportunidade de amosar ao seus seguidores temas que igual descoñecen. Este mércores a partir das 23:00 horas, o dúo de electro-pop máis famoso da música española levarannos de volta a década dos 90 a través desta banda sonora da súa traxectoria. Tampouco faltarán os grandes clásicos que lle valeron a fama.