JORGE PARDO

Case 4.000 persoas votaron o ano pasado nos Premios Martín Códax da Música, que repiten formato

A Sala Capitol de Santiago de Compostela, un dos espazos referentes para a música ao vivo en Galicia, acolleu o mércores 26 de febreiro a presentación dos 12º Premios Martín Códax da Música. Márcase dese xeito o punto de arranque dunha nova edición na que bandas e artistas poderán inscribirse nas diferentes categoría do 3 ao 23 de marzo. A gala terá lugar o 28 de maio en Pontevedra e a organización avanzou que gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía oral tradicional.

A presidenta de Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia, e o vogal da directiva, Tomás Díez, explicaron no acto de presentación que bandas e artistas de Galicia teñen tres semanas, do 3 ao 23 de marzo, para inscribirse nos premios. Nos últimos anos, máis de catrocentas candidaturas inscribíronse nas quince categorías musicais que conforman os Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Nas recentes edicións foron as categorías rock e pop as que concentraron máis candidaturas; hip hop, electrónica, metal e canción de autor/a son xéneros que destacan tamén polo seu crecemento nos últmos anos. Músicas ao Vivo fixo un chamamento na presentación desta edición 2025 á comunidade musical a participar nuns galardóns cuxo obxectivo é visibilizar a diversidade creativa e estilística do país.

Desde hai tres anos a categoría extraordinaria de Artista Emerxente é unha das máis celebradas e na que se premiou en 2022 á cantante Antía Muíño; en 2023, ao compositor e pianista Sergio de Miguel, e en 2024 á artista e compositora compostelá Gloria Pavía. Un recoñecemento para proxectar e potenciar proxectos de novos e novas artistas que, tal como explicou Sheila Patricia, ten os seguintes requerimentos: é necesario inscribirse antes nalgunha das quince categorías musicais, o proxecto non pode levar en activo máis de tres anos, non máis dun disco editado (EP ou album) co proxecto que presentan ou noutros nos que participen, e non ter premio nin ser finalista en anteriores edicións.

Ademais, os Premios Martín Códax da Música contemplan os tres galardóns Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Estes son, tal como sinalou a presidenta de Músicas ao Vivo, cómplices necesarios na música e parte imprescindible desa comunidade comprometida coa cultura musical galega á que os Premios Martín Códax queren dar visibilidade.

A edición 2025 dos Premios Martín Códax contempla varias fases estruturadas nun calendario entre os meses de marzo e maio. En primeiro lugar, do 3 ao 23 de marzo bandas e artistas están chamados a inscribirse a través da páxina premiosmartincodaxdamusica.gal. Unha vez rematado o prazo de inscricións, o xurado profesional estuda e valora as candidaturas nun proceso, durante o mes de abril, do que sairán tres finalistas en cada unha delas.

Tras o encontro de celebración de finalistas, que se desenvolve a primeiros de maio nas Bodegas Martín Códax en Cambados, comezará a segunda fase de votacións, que se pechará o 25 de maio. Aquí decidirán socias e socios de Músicas ao Vivo e, desde 2024, o público xeral. Tal como subliñou a presidenta de Músicas ao Vivo “o obxectivo de incorporar ao público nos Martín Códax é aumentar a participación efectiva no certame sen perder a lexitimidade que achega tanto o xurado profesional, na primeira fase de selección, como as asociadas cos seus votos”. O público poderá votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo. En 2024, cando por primeira vez se habilitou o voto para público xeral, foron case 4.000 persoas as que participaron.

DEPO

O mércores 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música; unha gala que irá en consoancia co Día das Letras deste 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral e que será transmitida pola plataforma agalega.gal. Antes da gala, coñecerase o Premio Honorífico 2025, concedido nas tres últimas edicións a Fuxan os Ventos (2022), Luz Casal (2023) e Emilio Cao (2024).