REVISTA ABRIL

Carlos del Río (Motores): “Isto acábase, amigos, tócalles pelexar a outros”

Unha das bandas de rock máis lonxevas da cidade, Motores, volverá subirse ao escenario do IFEVI no III Festival Rock, onde comparten cartel con grupos da talla de Sôber, Ñu ou O’Funkillo. Como representantes da música local, ademais deles estarán Quarzum, unha banda de heavy metal clásico nada en 2012. Falamos Carlos del Río, cantante, guitarrista, compositor e fundador de Motores, nunha entrevista cun lixeiro sabor a despedida.

Carlos del Río na última edición do Festival Rock, no IFEVI

Credes que Vigo necesitaba un gran festival de rock?

Por suposto, o rock tamén é cultura  e espero que siga por moitos anos e que cada vez sexa máis e máis grande.

Cal é a banda nacional que máis ilusión vos faría ver neste Festival?

Gustaríame ver reunidos a Barricada ou, se non pode ser, a Barón Rojo outra vez.

Notades maior afluencia e resposta do público co paso das edicións?

Houbo un salto cualitativo da primeira á segunda edicion e espero que siga aumentando.

Estas dúas últimas edicións, ademais de vós, hai presenza local con bandas como Iron Hunter ou Quarzum. Que bandas locais actuais vos gustan máis? Como vedes a escena musical de Vigo?

Hai moitas boas bandas: Iron Hunter, Doctor Zaius, Aphonnic, Aquelarre… a escena musical é importante e puxante como sempre foi, iso si, non hai moito apoio entre bandas, non vexo grupos vendo concertos doutras bandas e aínda que hai intentos de facer algo, segue sendo un mundo no que a envexa e o falso abrazo dominan a escena. En fin, é algo inherente á condicion humana.

A que se debe que cada vez haxa menos bandas de rock clásico? É un xénero que non interesa á mocidade?

Pois se ve que non, sempre haberá bandas de rock clásico e cando remata o ciclo de modas vólvese pasar por aí. Pero non corren bos tempos a nivel nacional, os grupos internacionais funcionan ben, pero está claro que hai que volver interesar á mocidade.

Cal é o maior cambio que notades desde os vosos inicios ata o de agora?

REVISTA ABRIL

Non se venden discos, non hai tendas nin a promo habitual, nin tampouco o interese pola música de outrora. Internet cambiou todo, nuns casos para mellor e segundo a miña opinión, na maioría dos casos, para peor.

Que plans tedes para o ano que vén?

Sairá o noso último disco e empezaremos a nosa última xira. Isto acábase, amigos, tócalles pelexar a outros. Despois de 12 discos, 8 recopilatorios, 2 dvd, unhas 150 cancións e máis de 1200 actuacións, creo que toca relaxarnos e dedicarnos a outros plans. Quédanos dous anos en total, asi que… vémonos nos concertos!

(GMT+01:00) IFEVI

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.