Cantares por el Camino, o festival accesible de Villa Solita
Este sábado 5 ás 20:00 terá lugar o Festival Cantares por el Camino, un evento bastante particular: dúas horas de música por parte de artistas locais e galegos, en acústico e nunha paraxe única como Villa Solita, en Alcabre. E todo isto organizado pola canle de Youtube homónima, levada adiante polo músico uruguaio Tincho Fernán.
Cantares por el Camino é unha canle de Youtube do músico uruguaio Tincho Fernán, na que entrevista e graba en acústico a diferentes artistas galegos e locais. O proxecto naceu hai escasos meses, mais pola súa cabaña xa pasaron case unha vintena de músicos. Tanto a imaxe como o audio grávanse á primeira, sen cortes nin repeticións, mostrando aos artistas na súa vertente máis natural.
Igual que Villa Solita, esta cabaña atópase no barrio de Alcabre, no que Fernán reside desde hai 12 anos. O Festival Cantares por el Camino pretende resumir en dúas horas todo o talento musical vigués e galego a través das actuacións de 11 artistas: Tronka Jazz Quartet, Sheila Patricia, Los Marcianos, ARi Magritte, Époje Tatum, Walter César, Nós, Molsom, Antonio Tato, Ritmoceronte y Tincho Fernán. Cada un deles interpretará dous temas, deixando a duración do festival nunhas dúas horas aproximadamente.
Outra das particularidades do evento será que se tratará dun festival accesible para as persoas xordas: as cancións serán traducidas a lingua de signos en directo por Paula Gándara (entresignos.com), ademais de que as persoas que así o soliciten en comunicacion@nigran.org poderán utilizar as mochilas vibratorias que o Concello de Nigrán cedeu para o acto, que transforman o son en vibracións. En caso de que a climatoloxía non acompañe, o evento trasladarase ao Verbum, en Samil, á mesma hora (20:00).