CAMELIAS MASCOTAS

Campo de Nabos Fest: a ausencia feminina sobre os escenarios galegos

Praia, refrescos, xeados, vacacións… e festivais de música. Moitos festivais. Vivimos na  época dourada deste tipo de eventos, polo menos cuantitativamente. Máis grande ou máis pequeno, parece que non hai cidade nin vila galega que non teña un festival de seu. Concertos espallados pola xeografía galega acollen milleiros de asistentes e centos de artistas. Pero aínda que non sorprende, non deixa de ser preocupante saber que a maioría deses centos de artistas que vemos nos escenarios son homes.

A proporción de mulleres que aparecen nos libros sobre a materia é ridícula en comparanza co reconto de artistas masculinos. Quizais no pop ou no soul é máis doado atopar figuras femininas relevantes, en xéneros coma o rap, o rock, ou o techno as mulleres son minoría. Ou están minorizadas? Hai tan poucas mulleres na música ou isto non é máis que unha percepción subxectiva? Iso mesmo se preguntou hai anos a ilustradora e intérprete musical Laura Romero. E de aí naceu Músicas Galegas Ilustradas, un proxecto artístico nado en 2017 co principal obxectivo de dar visibilidade ás artistas musicais galegas: a artista realizou máis de 200 debuxos para o libro Ferreñas e Rock and Roll (Baía Edicións, 2018), con textos de Iria Pedreira.

Ilustración de Laura Romero no libro Ferreñas e Rock and Roll

Para responder á pregunta anterior, Laura realizou uns gráficos que recollen a cantidade de mulleres que soben aos escenarios de diferentes festivais galegos. Deste xeito, sabemos que O Son do Camiño (Santiago de Compostela) tivo en 2022 unha proporción de 138 a 29 a favor do bando masculino. No Resurrection Fest (Viveiro) dese mesmo ano actuaron 17 mulleres (a maioría cantantes) en contraste con 452 homes; menos dun catro por cento. Un pouco mellor, iso si, que as edicións coetáneas doutros festivais metaleiros: Kanekas Metal Fest (Cangas do Morrazo) e Alén Metal Fest (Vilagarcía de Arousa) sumaron un total de cero mulleres nos seus escenarios.

Anxela Baltar, de Bala | P. Vázquez

Destas cifras, especialmente no tocante aos dous primeiros festivais amentados, xorde outro debate: ambos os dous eventos, que comparten empresa promotora, son os dous festivais máis multitudinarios de Galicia e reciben grandes cantidades de diñeiro público: o de Compostela recibiu este ano case tres millóns de euros da Xunta de Galicia e o de Viveiro case medio millón.

«En ocasións non se atopan mulleres no cartel das programacións públicas e iso é perigoso, porque están financiados cos nosos impostos»

Helena Bricio Asociación de Mujeres de la Industria de la Música (MIM)

O novo Gozo Festival, un ciclo de concertos internacionais que se realizan por diferentes puntos de Galicia e que ten o seu día grande a comezos de xullo no monte do Gozo coa actuación de Ed Sheeran entre outros artistas, tamén podería formar parte dunha estatística actualizada. Este evento, que naceu o pasado ano, recibe 3.388.000 de euros do goberno galego a modo de patrocinio publicitario.

Lauryn Hill | P. Cermeño

Que teñamos constancia, a ningunha das promotoras que están detrás destes festivais se lles esixe por contrato unha cota mínima de artistas femininas, malia recibir millóns de euros das arcas públicas. Romero apunta o seguinte: «Quen programa, sexan unha empresa grande ou unha asociación pequena, debería asumir a responsabilidade de intentar facer un cartel con tendencia á paridade, para ir habituando ao público; é un problema estrutural e a solución tamén ten que abarcar moitas capas». Baixo a perpectiva desta artista, «o obxectivo é que a paridade vaia chegando de xeito natural, e iso non se fai dun ano para o outro; é algo progresivo, e si que vai mellorando ano tras ano».

«Case non hai mulleres nos postos técnicos. É algo que se repite en todas as programacións musicais do país»

Elena Mareque de Seispés Producións Creativas

Outro punto de vista é o que nos achega Elena Mareque, socia da produtora Seispés Producións Creativas: «A falta de equilibrio notámola aínda máis noutra parte que non transcende: case non hai mulleres nos postos técnicos. É algo que se repite practicamente en todos os festivais, ciclos e programacións musicais do país», indica. Esta profesional considera, polo tanto, que as institucións deberían incluír entre os seus requisitos que se programe unha determinada porcentaxe de grupos formados total ou parcialmente por mulleres e esixir unha determinada presenza feminina nos equipos de traballo.

REVISTA NOVEMBRO
Tanxugueiras | P. Cermeño

Apoia esta opinión a coordinadora de proxectos da asociación Mujeres de la Industria de la Música (MIM), Helena Bricio: «Os festivais non aplican unha perspectiva de xénero ao exteriorizar a contratación de servizos. En moitos casos é complicado, pero o que acabamos vendo é que as mulleres ocupan postos relacionados cos coidados e a atención ao público —azafatas, camareiras, recepcionistas etc.— e non como condutoras, técnicas de son e demais». Cos datos na man, ningún dos tres festivais máis apoiados pola administración autonómica logran a ansiada paridade. Este ano, Gozo Festival propuxo 15 bandas ou artistas masculinos fronte a nove referencias femininas. O Son do Camiño programou 35 masculinos, dez femininas e catro formacións mixtas. Á cola volve estar o Resurrection Fest, con 72 actuacións masculinas, cinco femininas e 14 mixtas.

Centrándonos no ámbito local, os pregos de contratación que deben cubrir as promotoras para programar artistas no auditorio de Castrelos tampouco inclúen ningunha indicación sobre a paridade. Si esixen, en cambio, que os artistas propostos gañasen premios, teñan moitos seguidores en redes sociais ou teñan un poder de convocatoria mínimo de 15.000 persoas. Das máis de 50 actuacións que albergou o auditorio nas últimas cinco edicións —desde 2018 ata agora, saltando os anos da pandemia—, o 70 % foron protagonizadas por homes, namentres que os proxectos liderados por mulleres non chegaron ao 15 %. «Moitas veces sinalamos os festivais privados, pero temos que empezar a sinalar as programacións públicas. En ocasións non se atopan mulleres no cartel e iso é perigoso, porque están financiados cos nosos impostos. Habería que falar co Concello para mirar que tipo de criterios son os apropiados. Basearse no número de seguidores de Instagram, que mesmo se poden mercar, non me di nada. Ademais do evidente rédito económico, un bo programador sempre se vai fixar no impacto cultural. Deberiamos preguntarnos quen ocupa certos postos», comenta Bricio, que ademais apunta que o algoritmo tende a darlle máis visibilidade nas redes sociais a artistas masculinos, o que acrecenta aínda máis a fenda de xénero.

Luisa Sobral | P. Vázquez

Nas programacións municipais é moi habitual crear ciclos exclusivos de artistas femininas, especialmente durante o mes de marzo co gallo do Día da Muller. Mareque opina ao respecto: «Este tipo de iniciativas permiten que haxa un oco para artistas de referencia e tamén para outras que quizais doutro xeito non atoparían encaixe, pero á vez poden acabar sendo contraproducentes se non van da man da amentada paridade. Debe normalizarse a presenza das mulleres na música, coma no resto de ámbitos da cultura e na vida en xeral».

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.