REVISTA ABRIL

Traballadoras de Citroën, da fábrica aos escenarios con Garage

Bibiana Lías e Chelo Campos son dúas traballadoras de Citroën que esta fin de semana van probar a súa faceta como actrices coa obra de teatro ‘Garage’. A última produción de Voadora pretende facernos reflexionar sobre a inclusión da muller na industria.

REVISTA ABRIL

En 1991 Citroën preparaba o lanzamento do ZX, modelo que viría a tomar relevo do AX. A factoría precisaba man de obra para a súa produción e nun mesmo mes entraron a traballar na fábrica viguesa arredor de 40 mulleres. Entre elas, Chelo Campos que ao igual que as súas compañeiras comezaría a traballar na nave de sillería. “Xa había algunhas mulleres traballando en Citroën pero eran aínda moi poucas. Aquel desembarco feminino supuxo un shock”, explica a muller orixinaria de Cuntis. Tempo máis tarde, unha xovencísima Bibiana Lías, de 21 anos, entraba a formar parte do equipo. Mulleres como elas dúas foron, pouco a pouco, ocupando un espazo que daquela estaba relegado aos homes. Esta inclusión feminina no mundo do motor foi acollida con sorpresa e xeráronse situacións un tanto controvertidas. “Tratábannos con moito paternalismo, como se tivesen que coidar de nos por ser mulleres. Eu era unha rapaza forte de vinte poucos e homes que me levaban corenta anos queríanme axudar a cargar”, explica Bibiana e engade que esa situación se foi normalizando co tempo.

“Aquel desembarco feminino supuxo un shock”

De sillería pasarían a nave de montaxe, ambas concordan en que o cambio foi brutal “a dinámica de traballo era diferente, moito máis estrica e dura”. Finalmente pasaron a loxística, posición que ocupan agora: encárganse de mover as pezas para subministrarllas a produción.
Este venres e sábado Bibiana e Chelo cambian o ‘toro’ polo escenario do Auditorio Municipal para dar vida a dúas das personaxes da obra de teatro ‘Garage’. O espectáculo é a derradeira proposta de teatro comunitario de Voadora. Experimento no que invitan a xente do cotiá a formar parte do show para tratar un tema do que son protagonistas. Marta Pazos, directora da obra, indica que “seleccionamos temas que nos esperten inquedanza, neste caso a incorporación da muller ao mundo industrial”. Na obra interveñen tres músicos, unha bailarina, dous nenos e oito mulleres, todas elas traballadoras ou extraballadoras de fábricas do sector automobilístico. “A peza ten unha parte ficticia e outra de testemuñas reais que é na que participan elas. Son unhas tipas moi bravas, sorprende que sexa a primeira vez que se soben ao escenario”, apuntala Pazos. “Non nos fixeron aprender un guión”, explican estas noveles actrices, “sabemos do que temos que falar e en que orde, pero de cada vez o dicimos dunha maneira diferente”.

“Son unhas tipas moi bravas”, sinala a directora

“Todo comezou como unha broma”, comenta Chelo entre risas “o meu irmá pasoume por whatsapp a convocatoria eu amoseilla a Bibi e fomos cheirar… pero eu ía decidida a dicir que non. Pasamos dez minutos coa xente de Voadora e eu xa estaba convencida de querer participar”, asegura. Ningunha das dúas tiña experiencia teatral previa, pero ambas aseveran que repetirían a experiencia de cabeza. “Serviunos para pasar un bo rato pero tamén, para revivir experiencias pasadas e reflexionar sobre elas”. Desvelan que, aínda que a obra ten moito de humor e a risa está asegurada, fai pensar ao espectador, “estou segura de que todos os que veñan lle darán algunha volta a posteriori”, sinala Bibiana, que aínda se emociona ao recordar como lle removeu por dentro o revivir certas situacións acontecidas na fábrica. As traballadoras de Citroën amósanse nerviosas pola expectación xerada nas actuacións desta fin de semana, “no descanso do café do traballo non se fala doutra cousa e sabemos que moitos compañeiros irán vernos, agardamos non decepcionalos”.

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.