REVISTA ABRIL

Billy King cambia as baquetas polo cúter e o spray

Billy King, coñecido por ser o batería de Killer Barbies, Pontiaks e Los Cafres e por rexentar La Iguana Club desde hai tres décadas, leva un lustro explorando unha paixón ben diferente: a arte plástica. A Galería Maraca alberga a súa produción máis recente nunha exposición que leva por título Malas Artes para Gente Mala. Pode visitarse ata o luns 24 de xullo.

Billy King posando xunto a diferentes obras da exposición | P. Vázquez

Polo día visita algunha tenda de antigüidades e de segunda man, e pola noite recolle grandes caixas de cartón nos contedores de reciclaxe. Non se trata dunha persoa que padece a Síndrome de Dióxenes, senón dun artista recolectando material para as súas obras. “A veces chámanme os meus amigos para dicirme que mercaron unha neveira, que se quero a embalaxe; ou que teñen cadros antigos das súas avoas dos que queren desfacerse”, explica Billy King. Músico, produtor, xerente de diferentes locais, entre os que destaca La Iguana Club e, desde hai un lustro, tamén artista plástico.

En realidade, o tema da arte sempre lle interesou e sempre estivo presente na vida de Billy. De neno debuxaba moito e cando comezou na música encargábase de deseñar as portadas dos discos e os carteis dos concertos: “Esta é unha etapa nova porque é a primeira vez que fago obra propia, non para ninguén”, comenta. Na actualidade, en especial desde a pandemia, atópase máis centrado no aspecto artístico ca no musical, entre outras cousas porque algúns dos membros das súas bandas (Killer Barbies, Pontiaks) viven fóra de Vigo.

O seu estilo plástico é fiel ao que sembrou ao longo das décadas coa música. Abundan as referencias pop pero sempre cunha actitude orixinal, irónica e moi punk. Así, vemos pendurados nas paredes da Galería Maraca a un Mickey Mouse dun só ollo que a falta de queixo decántase polas drogas, a Darth Vader crucificado, unha metralleta de Channel, á virxe María cun disco dos Ramones e a maquillaxe dos Kiss, caixas xigantes de Prozac ou un coche de policía flamexado. A inspiración vén de todas partes: debuxos animados, iconas da cultura pop, o telexornal, anuncios publicitarios… “Vivimos nun mundo moi tolo no que as imaxes te golpean a toda hostia sen que sexamos capaces de absorver o seu significado”, explica Billy.

Para realizar estas obras sírvese de dúas técnicas: o colaxe e o stencil. A primeira consiste en recortar elementos doutros soportes (revistas, xornais, posters…) para crear unha peza nova; e a segunda en crear plantillas para despois poder reproducilas tantas veces como se queira coa axuda de botes de spray. Esta última forma de traballar é, por exemplo, a que utiliza o famoso artista urbano Banksy. “O colaxe é como o punk: é moi moi rápido e non precisas dunha gran técnica para facer algo decente”, compara o artista, que de punk algo sabe.

La Iguana Club, en barbeito

REVISTA ABRIL

O seu estudio artístico sitúase na entreplanta de La Iguana Club, onde están situados os camerinos dos artistas. Uns camerinos, por certo, que levan varios anos recibindo moi poucos músicos, algo especialmente preocupante ao tratarse da sala máis antiga e famosa da cidade: “Houbo un parón por cuestións legais. O Concello de Vigo non expide máis licenzas para salas e déixanos operar de forma clandestina”, explica Billy.

Isto ocasiona que, como aconteceu, se un veciño pon unha queixa (independientemente do ruido que lle chegue a casa, que pode ser inexistente), a sala non ten outra opción que cesar a súa actividade. A normativa permite que a música soe sempre e cando sexa gravada — tamén permite os karaokes— pero non instrumentos en directo. “Así estamos todos os locais da cidade; é unha situación moi complicada”, laméntase.

Doctor Explosion actuando en La Iguana Club en 2022, dentro do Underfest | P. Vázquez

Este feito xa o denunciamos no artigo central da revista de outubro de 2020, xusto en plena pandemia, onde Marcos Vázquez, xerente de La Fábrica de Chocolate e delegado en Vigo da Asociación Galega de Salas de Concertos, comentaba o seguinte: “Hoxe en día é imposible conseguir unha licenza de sala porque hai tal resistividade que ninguén podería cumprir coa norma”. Con todo, Billy móstrase optimista e cre que a música en directo volverá a soar de xeito habitual (en setembro albergará algún concerto do festival Underfest) no mítico local del Churruca.

Billy King | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.