KIKIMORENTE

Anastacia, IGMIG e ‘Mala vida e pior morte do rei’ esta fin de semana en Vigo

Esta fin de semana de marzo conta con diversos concertos que non deixaran indiferente a ninguén, espectáculos, celebracións e actividades en relación co 8M. Para máis información, preme nos títulos e, se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.

IGMIG | Cedida

VIGOCULTURA: AS R(H)UMOROSAS – Venres ás 20:00 h no Auditorio Municipal do Concello – 8,00 €

Só unha de cada dez rúas ten nome de muller. A partir desta noticia real, As R(h)umorosas comezan a procura de mulleres ilustres galegas para actualizar os rueiros do noso país. Nesta comedia protagonizada por Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola, poderemos coñecer, entre rumor e humor, máis detalles das vidas destas mulleres galegas dun xeito diferente e divertido.

MALA VIDA E PIOR MORTE DO REI’ – Venres, sábado e domingo ás 20:00 h na Sala Ártika – 11,00 €

Mala vida e pior morte do Rei Ricado III é un espectáculo unipersoal, protagonizado por Evaristo Calvo, de Excéntricas e do Centro Dramático Galego que revisa a figura do monarca inglés máis controvertido. A través dun monólogo afiado e cheo de ironía, Ricardo III rebélase contra a súa lenda negra, desmontando o relato de Shakespeare. Unha proposta teatral intelixente e divertida que convida á reflexión.

BESMAYA – Venres ás 20:30 h no Island Club – 15,00 €

A banda de pop e rock en español Besmaya toca na cidade dentro da súa xira Vibra Mahou, coa que xa percorreron parte da xeografía española ao longo deste 2024. Este venres, a sala Island converterase no escenario onde Besmaya tenderá “El Cable” perfecto entre a súa música e o público, interpretando os temas do seu álbum debut, Nuevos Lemas.

Besmaya | Cedida

FRYING LURAS – Venres ás 21:30 h na Casa de Arriba – 5,00 €

Frying Luras é un grupo de rock vigués que compón temas propios. Os compoñentes iniciais do grupo foron Ruber á voz e á guitarra, Oliver e Coco á guitarra, Havi ao baixo e, finalmente, Rafa Graña á bateria. Co paso dos anos foi variando a formación e a última incorporación ao grupo foi Okap (Paco), teclista e guitarra fichado da bela Rozlyn. Frying Luras ten unha infinidade de temas propios e realizaron incontables bolos en numerosas salas da cidade.

ROTEIRO ‘SONS DE MULLERES’ – Sábado ás 11:00 h no Paseo de Afonso – De balde

O Roteiro en feminino Sons de Mulleres é un itinerario proxectado por Mulheres Nacionalistas Galegas que ten como obxectivo visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo. María Casar guía un percorrido por quince puntos situados fundamentalmente no casco histórico da cidade, nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade local, aínda que a propia historia as teña silenciadas.

PREFESTA SAINT PATRICK – Sábado ás 17:00 h en The Monk Pub – Caixa inversa

A pesar de que o propio día de Saint Patrick’s é o vindeiro luns, en The Monk Pub quixeron adiantarse e celebrar unha prefesta este sábado para ir poñéndose a punto cun concerto da banda Skivrilisband e unha sesión folk aberta. A xornada contará con unha chea de música tradicional e sorpresas para os asistentes. The Monk Pub tamén abrirá o luns para festexar o propio día do santo irlandés.

GIRANDO POR LAS SALAS: DIAGNÓSTICO BINARIO – Sábado ás 21:00 h na Sala Supersonic – Desde 10,00 €

Forza, enerxía e sensibilidade é o que define a esta banda. Con letras profundas e emocionais conectan coa audiencia a través de temas reflexivos e experiencias persoais. O seu son caracterízase por unha mestura de melodías orgánicas e ritmos de rock, creando unha atmosfera única. Cun potente directo que mostrarán nos seus 6 concertos con axuda de #GPS15.

Diagnóstico Binario | Cedida

ERIS MACKENZIE – Sábado ás 21:30 h na Sala Rebullón – Desde 10,00 €

O proxecto en solitario de Carlos Eirís que fusiona a electrónica con sons tradicionais, presenta o seu primeiro disco, Meu Ceu, cantigas industriais e brutalismo emocional, no que versiona clásicos do pop español, levados ao galego e reinterpretados. Acompáñano outros músicos como Paula Espada, Serxio Castro, David e Mare, co fin de converter a actuación nunha experiencia inmersiva onde son, imaxe e emocións fusiónanse.

Eris MacKenzie | Cedida

 IGMIG – Sábado ás 21:30 h na Sala Kominsky – Desde 10,00 €

IGMIG é un trío musical difícil de clasificar que esta formado por Mig Seoane, Nacho Muñoz e Suxo Feixón. A súa música é unha mestura ecléctica que abarca post-punk, funk, rock progresivo, electrónica e techno, incorporando tamén elementos da música clásica do siglo XX. As letras das súas cancións teñen un toque dadaísta e empregan a prosodia da voz como elemento compositivo. Ademais, a súa posta en escena é muy teatral e enerxética, ofrecendo unha experiencia musical vibrante.

ANASTACIA – Domingo ás 19:00 h no Mar de Vigo – AGOTADO

A icona do pop Aanastacia anuncia a súa esperada nova xira #NTK25 coa que actuará en Barcelona, Madrid e, finalmente, en Vigo, no que será o primeiro concerto en Galicia da cantante americana. Será unha xira moi especial, na que conmemora o 25ª aniversario do seu álbum debut Not That Kind, que a catapultou á fama internacional no ano 2000 con éxitos como I’m Outta Love.

Anastacia | Cedida