Benjamin Clementine, Pablo López e Yann Tiersen entre as citas musicais ineludibles de 2018
Por Tamara Novoa
Comezan a chegar as primeiras confirmacións de concertos para este novo ano. Entre as actuacións máis destacadas están ao do cantante londiniense Benjamin Clementine dentro do festival Super Bock Under Fest, o coach de La Voz Pablo López, fará dobrete na cidade e Yann Tiersen, de gran sona mundial por ser o compositor da banda sonora do filme Amélie, actuará en Vigo oito anos despois do seu último concerto en Galicia.
O Auditorio Mar de Vigo anuncia unha tempada chea de espectáculos. Unha das primeiras en pasar polo auditorio da cidade é a cantante cordobesa India Martínez, na súa xira Secreto, o vindeiro día 26 de xaneiro.
Super Bock estrea festival en Vigo
O mes de marzo merece ser marcado en vermello, pois vén ben cargado de eventos. Pastora Soler (2 de marzo), Sés (9 de marzo), Yann Tiersen (14 de marzo) e Luz Casal (17 de marzo) son as citas que o Mar de Vigo xa ten pechadas para este mes. Coa primavera desembarca na cidade un novo festival: o Super Bock Under Fest, que se celebrará do 23 ao 24 de marzo en dez salas da cidade e no que participarán máis de 20 bandas. Polo momento só se coñece o seu cabeza de cartel, o británico Benjamin Clementine, que mostrará perante o público vigués o seu ambicioso último traballo I Tell a Fly, unha auto-produción na que dá unha visión moi persoal.
Pola outra banda, o festival SON Estrella Galicia só fará unha parada na cidade, e será en La Iguana Club, o día 24. Josele Santiago, a voz de Los Enemigos, presentará o seu quinto traballo en solitario, Transilvania.
La Fábrica de Chocolate Club inaugura o ano cunha axenda non-stop de música ao vivo. Entre os moitos artistas que pasarán por unha das salas con máis solera da noite viguesa, destacan os galegos Eladio y los Seres Queridos e Dakidarría que actuarán, respectivamente, o 2 e o 15 de marzo. O ex-Pereza Rubén Pozo pasará polo local de Churruca o 14 de abril.
O 15 de marzo o grupo leonés Café Quijano celebrará no Teatro García Barbón o vixésimo aniversario do seu debut discográfico. Un show que repasará os grandes éxitos dos irmáns Quijano.
Primeiras confirmacións estivais
Á espera de que o alcalde Abel Caballero, anuncie os concertos de Castrelos, dos que asegurou que “sorprenderán”, xa temos as primeiras confirmacións estivais. Sergio Dalma recalará na cidade olívica o 1 de xuño e o xa citado Pablo López vén de anunciar unha segunda data en Vigo, o 9 de xuño, tras esgotar as entradas do devandito concerto no Auditorio Mar de Vigo.
Os festivais da contorna comezan a anunciar datas e a dar algunha pista sobre os seus carteis. PortAmérica, que repetirá na carballeira de Caldas de Reis entre o 5 e 7 de xullo, contará coa participación de Izal, La Pegatina e Viva Suecia, entre outros. SonRías Baixas volverá a Bueu entre o 2 e o 4 de agosto. O festival Vive Nigrán, debutante do ano pasado, xa anunciou que se volverá celebrar o 19 e o 20 de xullo e o Atlantic Fest colle a remuda na Illa de Arousa do 20 ao 22 dese mesmo mes.