VEGANA

Atopan en Vigo unha firma de Muelle, pioneiro nacional do graffiti

Este xoves 27 poderemos coñecer unha firma de Juan Carlos Argüello, máis coñecido como Muelle, mito do graffiti nacional do que só se conservan tres firmas en toda España, que se acaba de atopar na nosa cidade. Será a través do roteiro Vigo Alternativo. Percorreremos as rúas da cidade observando as diferentes variantes de arte urbano que hai polos nosos muros, tanto murais como firmas de distintos artistas.

Sinatura de Muelle atopada fai un mes en Vigo

A compañía local Freetour Vigo, gañadora do premio á 3ª mellor guía de tour gratuito do mundo, organiza este xoves 27 un roteiro que busca mostrar á xente as mellores pezas de arte urbana da cidade, tanto actuais como anteriores. Comentarán obras e artistas de hoxe e de onte, facendo tamén un repaso pola axitada vida cultural da cidade con movementos tan senlleiros coma o da Movida ou o grupo Atlántica.

Ademais, vai ser unha cita realmente especial para a cidade pois vaise presentar unha firma auténtica do mítico artista Muelle, que foi atopada hai un mes. Estamos a falar do que por moitos é considerado o máis grande artista do graffiti nacional, do que apenas se conservan tres firmas en Madrid e que agora Vigo sumaría unha outra. A firma foi compartida cos dous maiores expertos sobre Muelle en España, o Dr. Graphitfragen (Fernando Figueroa) e Javier Abarca. Os dous coinciden en que ten todo o aspecto de ser auténtica. Ademais a súa realización sitúase en torno ao ano 1990, época no que o grupo no que Muelle era batería (Salida de Emergencia) visitou Galicia.

O obxectivo do roteiro é o de compartila con máis xente para que tamén outras persoas relacionadas coa época ou co artista poidan achegar máis datos sobre a súa probable acutuación en Vigo e o legado artístico que aproveitou para deixar nas nosas rúas. O transcurso da xornada realizarase de forma amena e didáctica, mostrando as distintas variantes da arte urbana vigués e o seu contexto e visitando recunchos da cidade co mellor e máis auténtico da arte rueira, algún dos murais de recente creación e salas míticas que fixeron de Vigo eixo principal dos oitenta.

A ruta sairá da Porta do Sol o xoves 27 ás 20:00, cun número de prazas limitado a 20 persoas por rigorosa orde de inscrición. Para anotarte, podes chamar ao 654226994 ou escribir a freetourvigo@gmail.com. Esta modalidade de roteiros non teñen un custo marcado, senón que funcionan a base de propinas aos guías tras a ruta.

REVISTA OUTUBRO

(GMT+01:00) Porta do Sol