CAMELIAS MASCOTAS

Asistimos á última jam session do verán en La Casa de Arriba

Despois dun hiato de dúas semanas, volveu a jam máis sonada da cidade co concerto de Álvaro Vieito trío, que tras interpretar algúns temas propios iniciou a clásica jam session con músicos que se foron sumando do público.

REVISTA NOVEMBRO

Pasaban das 22:00 da noite cando a xente comezou a subir ao primeiro andar de La Casa de Arriba, un dos locais referencia da escena musical viguesa. Pola xente que estaba na terraza e no baixo do local tomando unhas cervexas, xa se auguraba que o concerto ía presentar unha boa entrada.

E así foi, o pequeno espazo do primeiro andar estaba ata a bandeira para ver ao trío formado polo porriñés Álvaro Vieito á guitarra, Álex Touceda ao contrabaixo e Jesús Pazos á batería. Vieito, que actualmente reside en Andalucía, é un experimentado músico que ten tocado en festivais de todo o país e mesmo internacionais, como o de Copenhague. O ambiente foi relaxado e distendido, axudado polos pequenos monólogos que os guitarrista facía entre cancións, presentando cada un dos temas da súa colleita.

Despois de rematar co concerto en si, formado por variadas cancións de jazz, Álvaro animou aos músicos que se atopaban entre o público a saír e tocar con eles, mais a xente non parecía moi pola labor e se lle resistía. Tras tocar un par de cancións máis, fixeron un pequeno descanso para tomar o aire e unha cervexa. Este entretempo axudou a que tras a volta a xente xa se animase a subir a tocar co trío, alongándose a sesión de improvisación ata a unha da mañá.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.