CAMELIAS MASCOTAS

Así son os carteis dos festivais galegos

Ao longo destes meses algúns dos moitos festivais galegos foron desgranando o cartel da súa próxima edición, en moitos casos cheos de grandes nomes do panorama galego, nacional e internacional. A continuación vos facemos un resumo para ir preparando a axenda festivaleira do verán.

Concerto da banda Guadalupe Plata na pasada edición do Morrasound Fest | Pablo V.

Estase a fornear outra grande remesa de festivais na nosa comunidade, como xa vén ocorrendo nos últimos anos. Algúns deles xa teñen o cartel case pechado, como é o caso de de O Son do Camiño (13-15 xuño) con nomes como Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Gueta, Die Antowoord, Bastille ou Rosalía; o Resurrection Fest (3-6 xullo) con Slayer, Slipknot, King Diamond, Gojira ou Parkway Drive; e o PortAmérica (4-6 xullo), que traerá a Andrés Calamaro, Madness, Zahara ou a recén confirmada Amaia. Tanto o Son do Camiño como o Resurrection xa teñen os abonos agotados, aínda que este último aínda ten dispoñibles as entradas de día, mentres que no festival Santiagués só quedan para o xoves 13.

Esta última semana tamén coñecimos novas confirmacións do Festival Noroeste de A Coruña (6-11 agosto), cun marcado xénero feminino. Entre elas atopamos a Nathy Peluso, Soleá Morente, Holly Miranda, Jenny & the Mexicats ou Vudú, que se sumarán á xa confirmada desde hai tempo Patti Smith. O festival segue na liña da anterior edición, na que rexistrou un 72% das bandas con presenza feminina, algo que por desgraza é moi pouco habitual neste tipo de eventos.

O que deu a coñecer aos seus primeiros grupos foi o Morrasound de Domaio (12 e 13 de xullo), un festival pequeno pero moi ben organizado que medra ano tras ano. Mostra disto é a presenza na súa próxima edición da banda de rock británica The Brew, ademais do regreso aos escenarios da banda andaluza O’Funkillo e dos galegos Familia Caamagno, que presentarán o seu primeiro LP Había que intentalo.

Seguindo preto de Vigo, o Rock in Río Tea de Ponteareas (19 e 20 xullo) confirmou nestas últimas semanas os concertos de Heredeiros da Crus, Zanibar Aliens, Presumido, Los Nastys, Kitai, Skandalo GZ e os gañadores do concurso de bandas que organizan, El Sótano de Babel.

Carlos Tarque actuando con Gran Cañón na pasada edición do Rock in Río Tea | Pablo V.

O Festival de la Luz de Boimorto (6-8 setembro) tamén deu a coñecer, de golpe, a todos os artistas invitados, entre os que destacamos a Celtas Cortos, Cepeda, Delaporte, Orquesta Mondragón, Basanta, Mikel Erentxun ou Ángel Stanich.

REVISTA NOVEMBRO

O Festival SonRías (1-3 agosto) tamén aumentou, e moito, o número de artistas confirmados, entre os que destacan La MODA, La Pegatina, Iseo & Dodosound ou Segismundo Toxicómano. No Vive Nigrán (19 e 20 xullo), aos xa coñecidos Novedades Carminha, súmanse Delafé, Los Nastys, Los Vinagres, Ángel Stanich, Meneo ou Las Chillers.

Na nosa cidade xa sabemos que Tom Jones, Roger Hodgson e Lauryn Hill vistarán Castrelos nas Festas, a falta de coñecer ao resto de artistas. O Vigo SeaFest confirmou que terá lugar do 4 ao 7 de xullo, coincidindo de novo co PortAmérica, mais non as bandas convidadas. O mesmo con O Marisquiño, que tras confirmar que segue a celebrarse en Vigo do 9 ao 11 de agosto, aínda non anunciou nada máis respecto a esta nova edición.

Outros festivais dos que coñecemos a data pero non o cartel son o Surfing the Lérez de Pontevedra (21 e 22 xuño), o WOS Festival de Santiago (11-15 setembro) e o Festival Sinsal (25-28 xullo), en San Simón. Neste último caso non é ningunha novidade, xa que o cartel é segredo ata chegar á propia illa. O Sinsal vén de rematar o ciclo de concertos de primavera na nosa cidade a falta da Sesión Anecoica de Eladio y los Seres Queridos, coas actuacións de Tashi Wada feat. Julia Holter, Vudú e Dorian Wood.