REVISTA ABRIL

As Peaky Branders: creatividade transformadora

Hai un ano, da man de Iria Otero, vía a luz un proxecto que nacía dunha necesidade: «Pasar da queixa á acción para demostrar que era posible outro xeito de facer publicidade». A creativa Sara Piñeiro sumouse pouco despois a equipa d’As Peaky Branders. Malia a evidente relación do nome con certa banda criminal de Birmingham que deu nunha célebre serie de televisión recente, as auténticas referentes que teñen son Las Sinsombrero, un colectivo coetáneo dos Peaky Blinders, pero con valores ben diferentes.

Iria Otera e Sara Piñeiro xunto aos carteis que crearon para a campaña do V aniversario de A Movida | P. Vázquez

Asentadas no concello morracense de Bueu, ambas as dúas compañeiras confían, como motor da iniciativa, no valor da creatividade transformadora, á que definen como «aquela que é quen de axudar a marcas e proxectos a ir máis aló da comunicación, liderando transformacións sociais e xerando un impacto positivo nas persoas». Non son alleas á mala prensa da que gozan en ocasións a mercadotecnia e a publicidade, relacionadas decote coa falta de honestidade. «O sector debería facer unha fonda reflexión autocrítica; hai publicidade cargada de estereotipos que perpetúa desigualdades. A boa nova é que podemos acometer proxectos publicitarios non só de forma máis honesta e coherente, senón tamén máis positiva para a sociedade. Esta é unha profesión moi bonita e poderosa para cambiar as cousas».

REVISTA ABRIL

Unha das cousas que queren cambiar, por exemplo, é que en España tan só un 22 % de mulleres acada o posto de dirección creativa, sendo a publicidade unha profesión maioritariamente feminina. O traballo de Otero e Piñeiro caracterízase por unha óptica feminista e polo sentido do humor que desprenden as súas creacións. «Que unha marca sexa comprometida e aplique valores como a igualdade e a inclusión no ADN da súa compañía non implica ofrecer unha imaxe aburrida. A creatividade e o humor son claves para conectar as marcas coas persoas», explican. O uso da lingua galega é outro dos seus piares, porque a pesar de non ser esta a súa lingua materna, decidiron facerse visibles e comunicarse «a través dunha lingua que perde falantes a diario, xa que é algo que tamén escasea moito no sector».

Antes de arrancar calquera proxecto, As Peaky Branders precisan sentir algún tipo de compatibilidade co cliente; «ter un match en valores», como elas din. A partir de aí, coidan moito os tempos de creación para evitar as présas, estruturan o proceso, analizan problemáticas e desenvolven solucións cun selo moi persoal. Entre os seus clientes previos podemos destacar o restaurante vegano Outro Conto, o grupo musical Tanxugueiras, o festival Y se Armó la Gorda, a organización política BNG ou unha campaña da Deputación da Coruña fronte a violencia sexual contra as mulleres. Tamén foros as responsables da campaña do noso V Aniversario, creando os primeiros carteis adaptados ás costas de Vigo.

peakybrandres.es | @aspeakybranders

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.