As entradas para Serrat en Castrelos saen á venda o luns
Joan Manuel Serrat abrirá a tempada de concertos de Castrelos o próximo domingo 10 de xullo e xa coñecemos o sistema de compra de entradas. Serrat será o primeiro de 12 recitais que poderemos desfrutar na finca da marquesa este verán.
As entradas para o concerto de Serrat en Castrelos sairán á venda o luns 4 de xullo en dúas quendas, ás 10 e ás 17:00h. Este formato novidoso responde á vontade de facilitar o acceso de toda a cidadanía, xa que as entradas adoitan esgotarse en cuaestión de horas ou minutos. Este ano, ademais, poderán adquirirse tamén de forma presencial e ese mesmo día na billeteira do Auditorio Municipal. O prezo das entradas aínda non é público pero a programación municipal de verán adoita ter un custo de arredor de 10 €.
Nesta ocasión, simultanearase a venda online e presencial dun total de 2.500 entradas ás que lles corresponderá unha cadeira na explanada diante do anfiteatro para seguir a actuación. Como é tradición, as persoas sen entrada poderán seguir o recital desde as gradas do anfiteatro de balde e sen control de acceso.
Na páxina web municipal quedará habilitado un banner de Vigo en festas-Entradas Castrelos que, a súa vez, redirixirá a unha páxina de reservas na que se poderán adquirir un máximo de dúas entradas por persoa. Para facilitar o acceso de toda a cidadanía, independentemente do seu horario de traballo, as entradas sairán en dúas quendas: 1.000 ás 10h e outras tantas ás 17:00 h. Pensando nas persoas que non teñan acceso ás novas tecnoloxías, poranse outras 500 entradas á venda no Auditorio Municipal, 250 ás 10h e outras 250, ás 17h.
O concerto que ofrecerá Joan Manuel Serrat o domingo 10 de xullo ás 22,00 h. Será o primeiro dos 12 recitais que formarán parte da programación Vigo en Festas que terá lugar no auditorio ao aire libre de Castrelos. Esta é a programación completa:
JOAN MANUEL SERRAT – DOMINGO 10 XULLO
SEBASTIAN YATRA – MÉRCORES 13 DE XULLO
CORAL CASABLANCA – VENRES 15 DE XULLO
LOVE OF LESBIAN – VENRES 29 XULLO
TANXUGUEIRAS – SÁBADO 30 XULLO
LEIVA – XOVES 4 AGOSTO
STING – SÁBADO 6 AGOSTO
LOLA ÍNDIGO – LUNS 8 AGOSTO
HIJOS DE LA RUINA – XOVES 11 AGOSTO
HOMBRES G – DOMINGO 14 AGOSTO
RAPHAEL – MARTES 16 AGOSTO
DANI MARTÍN – MÉRCORES 17 AGOSTO
Neste artigo podedes escoitar un tema de cada un dos artistas que soarán en Castrelos.