CAMELIAS MASCOTAS

Aroa Sío: «Hai cinco anos non me pasaba pola cabeza correr vinte quilómetros seguidos»

Hai pouco máis de cinco anos a vida de Aroa Sío (Vigo, 1979) deu un cambio radical. De ter unha vida sedentaria pasou a converterse en ultra runner, ata o punto de que o pasado mes de xullo a chamaron da selección para representar a España no Mundial de Ultra Trail da International Skyrunning Federation, no que quedou en cuarta posición nunha carreira de 68 quilómetros de distancia e 4,889 metros de desnivel positivo. Quedamos na súa casa, no alto de Coruxo, e conversamos ollando ese monte que tan ben coñece e que tantas alegrías lle leva dado.

Como foi a experiencia no recente campionato mundial de «ultras»?

Todo xurdiu a partir de participar no campionato de España, no que quedei terceira. Ao outro día, recibín unha chamada ofrecéndome participar no mundial dada a traxectoria que levaba. Como teño un pasado que non está vencellado ao deporte, todo o que me acontece neste eido é para min un regalo, non o vexo como algo que me poida intimidar ou dar medo, senón ao contrario. Eu non estaba nerviosa, senón feliz.

Que impresión levas da carreira?

Foi moi dura. Aquí, en Vigo, as montañas son moi suaves; a máis alta ten un desnivel de 500 metros positivos e adestrar aquí é moi difícil. Era unha carreira moi técnica, con subidas moi longas e moita pedra; nalgúns tramos había que botar a man e baixar amodo porque eran moi perigosas. A pesar de que non era a miña especialidade e de que tiven pouco tempo para adestrarme para ese perfil, quedei moi contenta co cuarto posto que alcancei. Foi unha derrota moi doce porque en ningún momento pensara en estar aí diante, pelexando contra a italiana polo terceiro posto. Ademais eu aínda teño moito que dar; nos dous anos que veñen, imos ver o que pasa.

Algunha vez imaxinaras chegar ata ?

Pensa que levo correndo cinco anos e medio. Antes levaba unha vida sedentaria e fumaba un paquete de tabaco ao día. Nin me pasaba pola cabeza facer vinte quilómetros seguidos correndo, e moito menos chegar aos cen. Por non falar dos niveis de rendemento que estou dando agora. Fisicamente síntome moito mellor que cando tiña 20 anos. Hai tempo que facer anos xa non me pesa, e iso é porque me atopo moi ben.

Coruxo encheuse de pancartas apoiando a túa participación no mundial, iso ten que emocionar…

Sentinme moi emocionada, si, porque non o esperaba. Cada vez que ía adestrar e vía un deses carteis, pensaba en chegar á meta custase canto custase. De feito, houbo momentos na carreira nos que pensei na miña xente; en todas esas persoas, moitas das cales non coñezo, que de forma desinteresada me apoiaron.

Como alguén que empeza tan tarde no atletismo de montaña chega a tal nivel?

O certo é que a xente coa que compito leva toda a vida correndo, e hai aí moitas persoas moito máis novas ca min. Penso que algo ten que ver con que fixen atletismo entre os 11 e os 17 anos, está demostrado que o corpo ten memoria e algo aí hai. Tamén coido a alimentación, levo unha vida sa e póñolle moitas ganas. Chova ou sarabie, saio á rúa para adestrar.

Aroa Sío na terraza da súa casa | P. Vázquez

Quen que te oia falar así, pensaría que as túas marcas están ao alcance de calquera, pero sendo realistas, es consciente de ser un caso excepcional, non?

Non é o habitual nin é o normal, son consciente. Cando empecei non o facía por chegar ata onde estou. Emocionábame facelo e, pouco a pouco, ía marcándome retos cada vez máis grandes; os bos resultados motivábanme a ser cada vez máis disciplinada. Eu animo a todo o mundo a que o faga para coñecer os propios límites, para que sinta na propia pel os cambios. Xa non falo do atletismo de montaña, senón de calquera tipo de deporte.

Como lembras aquela etapa, sendo menor de idade, cando practicabas atletismo?

Teño moi bos recordos. Antes fixera algún outro deporte, pero cando probei o atletismo aos 11 anos, quedei con aquilo. O que pasa é que a adolescencia é unha etapa complicada para combinar cun deporte como atletismo. Eu tiña amigas no atletismo, pero tamén outro grupo de amigas que ía á praia ou de festa mentres eu non podía por ter que ir a Castrelos. Adestrabamos todos os días menos o sábado e o domingo tiñamos carreira. Hai quen consegue manterse, pero eu fun polo mal camiño aos 17 anos.

E non o retomaches ata os 36.

A esa idade deixei de fumar e púxenme a facer deporte. Aos dous meses, anoteime á carreira de Montes de Vigo, que ese ano tiña a saída e a meta aquí, en Coruxo. Eu daquela non sabía o que era un trail, os desniveis positivos, nin nada, así que me puxen a adestrar no paseo do Lagares, que é plano. Ao chegar á montaña pensei que morría e botei unha semana sen poderme mover. Así e todo, quedei de primeira e os amigos avisábanme para que fose correr con eles. Eu ía ao ximnasio; facía spinning, body cross… pero de correr non quería oír nin chío. Pero tanto insistiron, que no mes de febreiro quedei con eles na igrexa de Coruxo ás seis e media da mañá. Entón deixáronme un frontal para poder ver pola noite e aí flipei. Iamos a un ritmo tranquilo e eu estaba encantada sentindo o renxer das ramas, o propio alento, os latexos do corazón e ao chegarmos ao alto de Chandebrito vimos un precioso amencer de Vigo. Aí caín na conta de que aquilo me gustaba.

Algo che tivo que mudar na mente para pasar dunha vida sedentaria a dedicarte en corpo e alma ao deporte…

O primeiro cambio foi co tabaco. Ao deixalo sabía que podía engordar, polo que empecei a facer cambios na alimentación. Pasei de almorzar medio paquete de galletas de chocolate a compralas sen azucre, ata que finalmente me puxen a facelas eu mesma con avea e panela. Por outra parte, aquel día en que saín por primeira vez ao monte presentáronme o home que hoxe é o meu marido. El é vexetariano e grazas a el funme concienciando ao respecto e reducindo o consumo de carne. Tamén fun vendo que o rendemento ía a mellor e así, pasiño a pasiño, fun cambiando a alimentación. A alimentación é clave: dime como comes e dígoche como te moves.

Que é o que máis che gusta de correr no monte?

As sensacións. Desfrutar da paisaxe. Cando chove, gústame o cheiro a terra, e mais a desconexión que me produce. É coma un santuario. Vou correndo e pensando nas miñas cousas, ás veces mesmo imaxino irrealidades, pero eu son soñadora e gústame deixarme ir. Logo voume metendo por carreiros a ver a onde dan e, ás veces, descubro lugares máxicos.

Ademais de ultrarunner, es nai…

Teño a sorte de que a miña filla xa ten 20 anos e ademais está estudando en Santiago, así que non me teño que preocupar moito. Pero si que é certo que teño amigas que corren e teñen nenos pequenos e iso xa é outra cousa; aquí é importante a axuda da parella, porque os fillos non son só delas, senón tamén deles. Eles tamén teñen que quedar cos nenos. Hai parellas que coñezo que se aquendan para saír correr.

Aroa Sío na terraza da súa casa | P. Vázquez

Falando dos roles de xénero, notaches desvantaxe polo feito de ser muller?

En absoluto. Ao primeiro pode ser, algún home parecía que se molestaba cando o quería adiantar, só polo feito de ser muller, mesmo había algún que facía escudo para non deixar pasar. Pero a presenza da muller cada vez vai a máis e eu estou encantada.

Que lles dirías ás mulleres para que se animen?

Que as sensacións que van ter son incribles e van ver que son capaces de facelo por si mesmas. Cando fixen por primeira vez 20 quilómetros, eu estaba tan contenta, tan orgullosa… fun á casa da miña nai só para que me preguntasen que fixera e dicir que viña de correr 20 quilómetros.

Falando de saúde; de coidar a alimentación, o corpo e demais… de verdade que é bo facer 60 ou 100 quilómetros correndo?

Eu creo que os extremos non son bos. Nin o sedentarismo nin poñer o corpo ao límite. Unha vida saudable é ter unha boa alimentación, facer deporte con moderación, sen excesos… Logo estamos os enfermos. Para controlar todo iso teño unha nutricionista que me marca as pautas de alimentación para non ter carencias, fago analíticas cada dous ou tres meses, e teño todo un equipo médico detrás. Estou moi controlada nese aspecto.

Algunha carreira da que gardes un recordo especial?

Un lugar que me encanta pola paisaxe, pola xente e pola comida é a illa de Madeira, en Portugal. Madeira Island Ultra Trail (MIUT) é unha carreira internacional e ten un terreo que me presta, con moitas subidas e baixadas moi técnicas que se me dan francamente ben. Ademais, non está mal de prezo e témola pretiño da casa.

Sufriches no corpo a COVID-19. Para alguén que fai tanto deporte coma ti ten que ser bastante frustrante terse que confinar e parar, non?

A enfermidade colleume en Francia preparando o Ultra-Trail de Mont-Blanc, pero primeiro pensamos que os síntomas eran por mor da reacción da vacina. Logo o meu marido tivo que levarme ao hospital porque me atopaba moi mal, fixéronnos o test e os dous demos positivo. Neses días estaba tan mal que nin comía nin falaba nin nada… perdín bastante peso tiven unha recuperación moi lenta ao volver. Agora estou bastante mellor, pero non ao cen por cento. O que queda de ano van ser adestramentos preparatorios para o 2022. Se todo vai ben, vai ser un ano forte. A miña intención é saír máis por Europa e, se podo, saír do continente.

Alén da preparación física,haberase que preparar psicoloxicamente, non é?

REVISTA NOVEMBRO

O que tira polo corpo é a cabeza. O segredo está en pensar sempre en cousas positivas. Se pensas en negativo, acabas por renderte. Eu son unha persoa bastante positiva e así resúltame fácil. Levo música para os momentos en que necesito ese xute de motivación. E levar algo de chocolate tamén axuda.

Tamara Novoa
Redactora xefa

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.