UVIGO
FILLOAS

Armadiña Rock, o festival que naceu dun ascenso

Esta fin de semana bota a andar unha nova edición do Armadiña Rock, un dos poucos festivais galegos gratuítos e organizados por unha asociación cultural. Falamos con Almudena Acuña, tesoreira e coordinadora do festival, para coñecer máis a fondo este evento, o resto de actividades que realizan ao longo do ano e a curiosa historia que hai detrás do nacemento desta asociación.

Parte da organización do Armadiña Rock 2017, con Almudena Acuña de terceira pola esquerda | Cedida

Rock e moito baile e o que nos agarda en Combarro do 26 ao 28 de agosto da man de artistas como Desakato, La Quinquillada, Tremenda Jauría, Sofía Gabanna ou Reincidentes. Todo isto de balde e con acampada tamén gratuíta. Detrás deste evento atopamos á Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña, nada hai máis de dez anos a raíz do ascenso a Segunda Autonómica en 2009 do equipo de fútbol local, o SD Combarro: “Organizaron unha festa polo ascenso que tivo moi boa acollida e dous anos despois decidiron montar a Asociación”, cóntanos de oídas Almudena Acuña, tesoreira e coordinadora do festival, xa que daquelas era aínda moi nova. Os dous primeiros anos a organización correu a cargo do clube, mais no 2011 xurde a Asociación que leva o nome do campo onde disputaba o SD Combarro os seus partidos como local, o Armadiña.

O equipo de fútbol xa non existe desde 2014, mais a Asociación foi medrando co paso dos anos ata chegar aos máis de 400 socios que ten na actualidade, a súa gran maioría de Combarro e do resto do municipio de Poio. “Temos un amigo que veu traballar aquí desde Turquía que lle gustou a movida e se fixo socio”, conta como curiosidade Acuña. Para a programación do Armadiña Rock, as persoas asociadas ofrécense voluntarias para formar unha comisión do festival. Nas reunións periódicas propoñen bandas que se axusten “á esencia Armadiña” e realizan escoitas colectivas das que van saíndo as escollas definitivas: “Ao principio eran máis ben grupos de rock, pero agora imos metendo un pouco de todo: reggae, ska, hip hop…”, indica a coordinadora deste ano, que destaca a presenza de Tremenda Jauría, unha agrupación que mestura cumbia, reggaeton, punk e electrónica. “Cando estas sesións son o sábado pola noite sacamos o licor café e escollemos moito mellor”, confesa Almudena entre risos.

Voluntarios do Armadiña Rock 2018 | Cedida

Segundo ela, senten un apoio total da veciñanza: “Para eles é un dos eventos máis importantes do ano en Combarro e sempre nos botan unha man en todo o posible”, agradece. De feito, no festival atoparemos 60 voluntarios, todos socios da ACDM Armadiña, que ademais de pagar a súa cota deciden axudar no transcurso do evento. Tamén o Concello de Poio decidiu apostar polo festival ao ver que era un proxecto sólido e serio e que non era “cousa de tres días”. O Armadiña sempre destacou pola súa aposta pola música en galego, como demostran os seus carteis ao longo dos anos: “É a que nos gusta e queremos que os rapaces pequenos se impliquen con ela, que vexan que a música galega tamén mola”, conclúe Acuña. Xa a título persoal, Almudena destaca como a maior sorpresa da historia do festival a banda bosnia Dubioza Kolektiv e gustarialle ver sobre o escenario combarrés a Boikot, Txarango ou Berri Txarrak, aínda que estes últimos levan de parón indefinido desde 2019: “Quedounos unha espiniña cravada con eles”, conta con tristura.

Ledicia de artistas e público no Armadiña Rock 2018 | Cedida

Ademais do Armadiña Rock, a Asociación leva a cabo outras moitas actividades ao longo do ano. Desgrazadamente, este 2022 non terá lugar o Curtas Armadiña, un festival de cinema que celebrou a súa última edición en 2019, antes da pandemia. O que si están a facer é un proxecto de museo para Combarro que, como é lóxico, levará un tempo constituír. Desde o ano pasado están a realizar a Semana do Museo, onde expoñen á cidadanía distintas temáticas relacionadas coa vila, como a relación entre a muller e o mar, as conserveiras da contorna ou os cambios que sufriu Combarro ao longo dos anos utilizando fotos antigas como comparación. “É o proxecto máis grande que temos agora entre mans”, sintetiza Almudena.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.