VIALIA
bannerPicnicSesions

Anxela Baltar (Bala): “As propostas musicais de tralla e de guitarras seguen aí”

Ademais de grandes nomes internacionais como Iggy Pop ou Mando Diao, o Festival Latitudes propón unha contundente selección de catro bandas galegas entre as que atopamos Bala. O dúo formado por Anxela Baltar e Violeta Mosquera é unha das agrupacións galegas con máis sona nos últimos anos, e este venres 19 demostrarán por que no gran escenario situado no Peirao de Transatlánticos. Podes mercar aquí as túas entradas.

Anxela Baltar durante un concerto con Bala en 2021 | P. Vázquez

Diciades nunha entrevista en 2016 “No te puedes quedar en tu pueblo. Hay que salir”. Vós cumpristes e tocastes en moitos países distintos. Como é conseguir concertos no estranxeiro? Como pechades un bolo en Xapón, por exemplo?

Si, tivemos a sorte de poder visitar moitos países e iso é algo que levaremos sempre con nós. No caso de Xapón, foi curioso: un promotor australiano interesouse por nós, e cando pechamos a xira por Australia fun eu quen falou cun promotor xaponés. Foi algo como: “Ola, somos BALA e isto é o que facemos. Podes axudarnos a tocar en Xapón? Imos ir a Australia e de paso que facemos unha viaxe tan longa queremos pasar por Xapón”. Por sorte, a resposta foi afirmativa!

Algunha vez sentistes que se vos valoraba máis fóra de Galicia que aquí?

A verdade é que non. Sentimos moito apoio e moito agarimo en moitas partes do mundo, pero tocar en Galicia sempre é tocar en casa e así o transmite o público aquí.

Tedes mencionado grupos como Nirvana ou Led Zeppelin entre as vosas influencias. Que grupos de agora vos chaman a atención?

Consumimos moitísima música, tamén actual por suposto! Podemos destacar grupos como Nova Twins, Turnstile, Idles, Biznaga, La Plata…

E da escena galega cal destacariades?

Tamén é complicado escoller un, están pasando cousas moi interesantes en Galicia. Algúns exemplos son Grima, Grande Amore, Moura, Cuchillo de Fuego…

Formades parte do colectivo Metamovida. Como xurdiu esta simbiose?

Somos unha pequena familia musical pero tamén de amigos. Ao existir amizade de por medio, a unión xurdiu de xeito totalmente natural. 

Anxela (esquerda) e Violeta (dereita) nun concerto en 2021 | P. Vázquez

Como foi sacar un disco durante o período pandémico? Credes que de sacalo noutro momento podería ter tido máis notoriedade?

O disco estaba xa listo en 2019 e a idea era sacalo en 2020. Finalmente tivemos que cambiar a data de estrea varias veces e saiu en 2021. A sorpresa foi moi grande porque levábamos desde 2017 sen sacar disco, e nunca sabes como vai recibir a xente unha proposta e máis neste contexto. Quedamos encantadas coa acollida. Si que é certo que de saír nun contexto distinto, a xira de presentación tería sido máis longa e máis internacional, pero en canto á acollida pouco máis podemos pedir.

Notástes moito boom despois da vosa aparición en La Resistencia?

Bueno, non sei se boom é a palabra, pero si que notamos que chegaba a nós moita xente allea ao noso estilo e ao noso proxecto, que seguramente non tería chegado por outra vía, e iso foi marabilloso.

Estades abertas á incorporación dalgún membro máis ou Bala está concebido como un dúo?

REVISTA ABRIL

A verdade é que estamos ben como dúo. Gústanos probar cousas, experimentar con colaboracións, etc. Pero BALA somos as dúas e en principio así seguiremos.

Credes que o rock duro e guitarreiro está a vivir un bo momento na actualidade?

Está claro que hai outros xéneros musicais gañando terreo, pero as propostas de tralla e de guitarras seguen aí e hai moitas bandas facendo cousas marabillosas dentro destes estilos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.