Antonio Durán ‘Morris’ únese á segunda tempada de ‘Hierro’

A serie de produción galega Hierro, que vén de gañar o galardón á mellor serie nos Premis Zapping, suma ao actor vigués Antonio Durán ‘Morris’ para a súa segunda tempada, que poderemos ver en Movistar+ a partir de febreiro de 2021.

Morris nun fotograma da serie | Movistar+

Os Premis Zapping de Catalunya súmanse ao xa exitoso percorrido da serie Hierro, producida pola empresa galega Portocabo. A ficción creada por Pepe Coira e dirixida polo seu irmán Jorge, xa sumou no pasado ano recoñecementos como Premios Ondas (serie e actriz protagonista), Premios Iris (guion),  Premios Feroz (drama e actriz protagonista), Premios Unión de Actores e Actrices (actriz protagonista), Premios MiM Series (actriz de drama) e Premios Mestre Mateo (serie de TV, dirección de produción, guion e música orixinal).

Unha das grandes novas desta segunda tempada, que poderemos ver en Movistar+ a partir de febreiro de 2021, é a aparición do noso actor con máis sona: Antonio Durán ‘Morris’ (vigués do mes na nosa primeira revista, en setembro de 2018). Este sumarase a un elenco formado por Candela Peña como protagonista, o actor arxentino Darío  Grandinetti, o hispano sueco Matias Varela (Narcos), Aina Clotet, Iris Díaz, Aroha Hafez, Ciro Miró, Naira Lleó, Helena Sempere, Luifer Rodríguez, Enrique  Alcides, Kimberley Tell (quen actuou este verán no Festival TerraCeo), Norberto Trujillo, Tania Santana, Maykol Hernández, Celia Castro e Marga Arnau, entre outros.

REVISTA VERAN

Hierro supuxo un gran éxito de audiencia e crítica na estrea da súa primeira tempada. En palabras do seu creador, Pepe Coira, “a segunda tempada regresa a esa illa tan especial e á vida de Candela, unha xuíza incómoda, e de Díaz, un turbio empresario. Os seus camiños volven cruzar. Candela ten que ocuparse dun desagradable litixio pola custodia dunhas nenas da idade do seu fillo Nico, mentres Díaz enfróntase a cabos soltos do seu pasado. A violencia volve á illa do Hierro, sexa por vinganza, por cobiza ou por amor á familia“.