CAMELIAS MASCOTAS

Ángel Stanich: “Tal e como está de viciado o tráfico mediático, o silencio como resposta cada vez é máis sexy”

Ángel Stanich é un músico diferente. Non se prodiga moita na promoción, escribe letras surrealistas nas que menciona ao Amadís de Gaula e ten unha voz que se afasta de calquera estándar. Con todo, o músico cántabro é un dos compositores máis particulares e celebrados do ámbito estatal na última década. O sentido do humor ácedo e a ironía que manexa con mestría nas súas letras tamén está moi presente, como imos ver, nas entrevistas que concede. Este sábado 24 podemos velo en The Wild Fest, no Parque Forestal de San Miguel de Oia, xunto con outros artistas como Sés, Biznaga ou Zeltia Irevire.

Stanich actuando no Mar de Vigo en 2022 | P. Vázquez

Sei que pode ser contraproducente empezar así a entrevista, pero interésame o motivo polo que non te prodigas demasiado nelas. Non che interesa o formato, non queres que saquen de contexto as túas palabras ou simplemente non crees que axuden á promoción dun concerto/disco?

A pesar de que nada ten xa de orixinal, sei que é unha posición controvertida o miña… Pero máis o sería, témome, se me prodigase neste formato. Evito bastante porque son o que son, sen moita post-pro, e cústame poñerme en modo-mozo-promo, nin aínda no meu favor… Pero hai moitos motivos: tal e como está de viciado o tráfico mediático, o silencio como resposta cada vez é máis sexy. Pero a razón primeira é darlle o máximo foco ás cancións, que en teoría é o que se me dá ben.

Les entrevistas doutros músicos?

É moi interesante, recoñézoo… Como tamén que apenas as leo.

Consideras máis meritorio chegar onde chegaches cunha presenza mediática moi reducida?

Sen que chegase á Meca, creo que é meritorio o camiño en calquera caso. Pechoume portas, pero tamén me abrirá outras… Incluso algún corazonciño.

Vías ou ves moito a televisión? Das túas cancións (especialmente ‘Rey idiota’) dedúcese unha gran cultura popular. Están plagadas de referencias e personaxes de todo tipo.

Que va! Onde en calquera salón iría a tele, en casa temos unha lousa, e cada mañá escribimos nela unha palabra de polo menos oito letras. A min tócame os mércores. Case sempre poño “mércores”.

É bromiña… Adoro a esa maldita caixa parva!

A túa voz é un dos temas centrais á hora de falar da túa música. Comentaches en anteriores ocasións que a túa voz é o resultado dunha procura incesante e mesmo que non te sentes cómodo escoitándote cantar en Camino ácido, o teu primeiro disco publicado en 2015. En que momento te atopas agora a nivel vocal? Segues probando cousas novas ou estás cómodo?

Diría que estou cómodo e que sigo probando cousas, se non teño que elixir. A procura ten pinta de que durará o mesmo que a vida, salvo que me quede antes sen voz que sen vida. Creo que me puxen demasiado tenebroso… Quen quere xeado? Teño xeado.

En ocasións o teu estilo pode lembrarme ao de Quique González pero con máis mala leche, ironía e surrealismo. Cales son os teus referentes á hora de compoñer?

A verdade (como sempre), prefiro dicirllo aos propios xerifaltes se teño a sorte de coincidir e non é molestia (cero selfies). Quique, por exemplo, xa o sabe. Pero, oe, direiche un referente ao que non llo poderei dicir nunca: Emilia Pardo Bazán.

Nos teus concertos sempre dedicas un intre para falar sobre o espazo no que ten lugar o recital. Xa preparaches o speech sobre o Parque Forestal de San Miguel de Oia, en Vigo?

Pois ía empezar a preparalo xusto, cando me dei conta que tiña unha entrevista que facer… O seguinte! E con moito gusto (ambas as cousas). Será un mini-speech, que estamos de festival.

De que canción sénteste máis orgulloso e por que?

Non podo responder. Non, realmente en serio, é inviable para min… direiche unha que non entrará nos meus hits: ‘El Día Después’. Así, por se a escoita alguén… É ben bonita.

Consideras que é máis complicado chegar a triunfar sendo “de provincias”? Desde a túa experiencia nótase ese “efecto Madrid”?

REVISTA NOVEMBRO

Creo que é unha circunstancia cada vez menos determinante, á parte de que en Madrid rumoréase que somos todos de provincias… A moita honra. Ten toda a lóxica para xirar pola península, e é innegable o seu atractivo tamén cultural, pero o “efecto Madrid” nótase sobre todo no prezo do alugueiro… Descubrín a pólvora, !

Compartes cartel con Sés e Biznaga. Tes algunha opinión sobre eles?

A mellor.

Ángel Stanich e a súa banda no Terraceo en 2021 | P. Vñazquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.