Ana Vigo: “Hai certa maxia en usar as palabras para cambiar o mundo que coñezo”
Ana Vigo (Pontevedra, 1992) cre na maxia e tamén no potencial das historias para contar aquilo que nos preocupa. Diso tratan as dúas novelas Erica, Súcrea ou a recente O rescate do unicornio. Actualmente traballa como xornalista e exerce de redactora e guionista de televisión. Do seu mundo máxico e de seres mitolóxicos e unicornios falamos con ela nesta entrevista.

Como prendeu en ti a chama da literatura? Seica escribías de pequena, lembras o momento exacto?
Máis que prender, penso que é algo innato, en min e en moitísima xente. Escoitei a algún debuxante retrucar a unha pregunta semellante preguntando ao entrevistador “cando deixaches ti de debuxar?”, no sentido de que sempre debuxaran, ambos, pero o entrevistador parara ao medrar. Coido que coa escrita pasa algo parecido, tódolos nenos inventan historias, é un xeito de xogar. Eu sempre gocei coa creación de personaxes, situacións… E, se me deu por poñelo por escrito, supoño que foi porque sempre se fomentou a lectura. Con nai bibliotecaria e pai deseñador gráfico, os libros nunca faltaban na casa, para min foi un paso natural.
Por que nos teus libros reivindicas a maxia?
Non sei se reivindico a maxia. O xénero fantástico permítenos escapar da realidade cotiá dun xeito máis radical, pero a min normalmente gústame crear historias que se ambientan na realidade e inclúen algúns elementos fantásticos, e non tanto inventar mundos dende cero. Supoño que é así porque tamén hai certa maxia en usar as palabras para cambiar o mundo que coñezo e engadir eses elementos “imposibles”. Xa que vou inventar unha historia, vou ao extremo.
Cando empecei a investigar sobre as nosas propias lendas pareceume que tiñan moito potencial para formar parte de novas historias
Vés de publicar Mundo Oculto. O rescate do unicornio, unha proposta para público infantil na que presentas a Iria, unha nena que ve un unicornio e se fai amiga del. Isto sería o soño de moitas nenas e nenos. Tamén era o teu de cativa?
Para nada. Era a típica nena que odiaba o rosa, as fadas, o brilli-brilli, os unicornios… Pasóuseme co tempo. Iria tampouco se fai amiga do unicornio realmente, porque este non é o típico unicornio amigable, todo o contrario, é un animal salvaxe que non confía en calquera e moi agresivo. Si fará amizade con Tilo, outra nena que, cando o unicornio é secuestrado, quere axudalo a toda costa, arrastrando a Iria con ela. E, polo camiño, coñecerá a sociedade dos ocultos, que non son máis que seres da mitoloxía, que viven agochados dos humanos.
Que é Asolagacia e de onde xorde?
Asolagacia é a cidade onde viven as xacias, que son criaturas metade humanas, metade peixe. O que normalmente confundimos con sereas, aínda que habería que relacionalas coas nereidas. Son seres que veñen da nosa tradición, e decidín que neste libro tivesen moito protagonismo, polo que era necesario imaxinar onde vivían. Partindo de todas as lendas de cidades asolagadas, pareceume lóxico pensar que habería unha poboada por estas criaturas, no fondo dun río, co seu estilo arquitectónico, os seus hábitos, as súas pelexas veciñais…

Podes describirnos ao Comando Especial de Protección de Ocultos?
É un organismo formado por seres máxicos que gobernan sobre os outros seres máxicos. Son os seus líderes e a súa policía. E depende de a quen lle preguntes por eles… Hai quen pensa que son crueis e inxustos, e por outra banda, hai xente que sabe que o Comando existe para protexernos a todos, ocultos e humanos, e que sen eles reinaría o caos.
Como vemos, o libro constrúese cun monte de personaxes do imaxinario social e máxico galego, caso dos olláparos, os demos ou as xacias. Que sentido teñen para ti e por que os elixiches para acompañar a aventura de Iria?
A mitoloxía gústame de sempre, era a que sabía de memoria todo sobre mitos gregos, exipcios, nórdicos… E cando empecei a investigar sobre as nosas propias lendas pareceume que tiñan moito potencial para formar parte de novas historias, coma esta, que se afasta dese mundo tradicional e sucede na actualidade, cunha protagonista que, por suposto, non cre neses “contos de vellas”. Preguntábame como se adaptarían estas criaturas aos novos tempos e por que xa non se fala deles, cando no pasado todo o mundo os coñecía e temía. Por iso imaxinei que un feitizo os agochara dos humanos, que pouco a pouco van esquecendo a existencia destes personaxes.
Tanto en Erica coma nesta, temos a dúas nenas (unha mais cativa e a outra maior) que dalgún xeito experimentan a soidade e gorécense nese mundo máxico, ou eu crin velo así. Pensas a literatura tamén coma un xeito de facer compaña?
A soidade é un sentimento moi universal, e que por desgraza moita cativada coñece. Claro que a literatura acompaña, a literatura é refuxio, é lugar seguro, cada vez estou máis convencida. Tamén é certo que tanto Erica como Iria, as protas de ambos libros, atopan a amizade no mundo real, e iso tamén é destacable, e ten relación co que comentaba antes: por moita maxia que haxa nestas historias, gústame manter os pés na terra, non perder ese nexo coa realidade. Para min era importante que, fóra dese mundo máxico, as dúas atopasen o seu lugar, tamén como parte do seu desenvolvemento.
A soidade é un sentimento moi universal, e que por desgraza moita cativada coñece.
Ao final do libro inclúes un glosario de palabras, polo que supoño que algo querías que aprendésemos e que quedase en nós para sempre dese mundo oculto. O que?
O Manual de ocultos. Pareceume boa idea incluír a información sobre os seres mitolóxicos que aparecen no libro, polo mesmo motivo que decidín darlles tanto protagonismo. Temos unha cultura moi rica e corre o risco de esquecerse. Por suposto, hai datos que inventei para que cadrasen coas características da historia e o mundo oculto que imaxinei, pero en esencia é a descrición e características destes seres, sacados directamente das lendas tradicionais.
O teu libro dedícasllo ás “persoas que non renunciar a crer que as fadas, estean onde estean, existen”. É marabillosa esta dedicatoria, e a min dáme por preguntarche… onde están as fadas para Ana Vigo?
Seguramente, nalgún recuncho afastado deste mundo oculto que non podemos percibir. Pode que nos libros, no cinema, na nosa cabeza ou no noso corazón.
Traballas como guionista e xornalista. Canto che axuda este mundo na literatura? Ou canto che inflúe, se é o caso?
No meu caso son dous mundos totalmente distintos. O xornalismo non axuda moito, no meu caso, xa que traballo coa actualidade, e penso que o último que necesita a literatura son présas e datos. Tampouco ten que ver a escrita xornalística coa literaria, e alédame que sexa así, ou nunca desconectaría! Si ten moito que ver a creación de guións, que tamén é unha labor creativa. Eu tendo a visualizar todas as miñas historias, tanto as literarias como as audiovisuais, e traballo nelas dun xeito moi semellante, tendo en conta, claro, as diferenzas dos formatos. O bo dos libros é que non hai que ter en conta presupostos nin outras limitacións que si existen no cine e na tele.

Cando escribes pensas no lectorado? É dicir, concibes as historias de xeito diferente segundo para que público vaian destinadas?
É distinto segundo a fase da escrita na que estea. Cando empezo a imaxinar unha historia, o máis importante é que me guste a min. Despois vén o enfoque, e pensar a que público me dirixo, e entón claro que é importante o lectorado. Pero se pensase dende o primeiro momento en que poida gustar a alguén máis… creo que non escribiría.
Que che din nas presentacións ou actos literarios a cativada e os adolescentes? Algunha anécdota curiosa arredor das túas historias ou da súa recepción por parte deles e delas?
D’ O Rescate do unicornio, que acaba de saír, aínda non fixen presentacións, pero si lembro algunha pregunta curiosa ao falar de Erica, sobre todo porque moitas veces dan máis voltas á historia das que eu me plantexara… Por exemplo, chegáronme a preguntar cantos soños existían en Morfeonía. Nunca se me ocorrera pensar niso!
Estás inmersa nalgún proxecto literario do que nos poidas adiantar algunha cousa?
Polo de agora, o tempo que saco para escribir está totalmente dedicado a este mesmo universo, do que me gustaría facer unha serie de libros. Teño unha morea de historias planeadas e agardo que pouco a pouco poidan ver a luz. Por iso, animo a todo o mundo a ler este primeiro, e así seguro que haberá máis!
Que les no teu tempo libre? E como é o teu momento de escrita?
Leo de case todo, normalmente narrativa, tanto adulta como infantil e xuvenil. Ultimamente estou entrando máis no mundo dos relatos, agradécese ler unha historia completa sen ter que interromper a lectura. Sobre o momento de escrita, para min é mellor pola mañá, a primeira hora, cando estou máis esperta e sinto que flúen mellor as ideas. De todos os xeitos, moitas veces teño que aproveitar polas tardes que é cando teño máis tempo. Péchome no despacho, asegúrome de que ninguén me vai interromper, e o máis importante, o móbil en modo avión. Xa pode estoupar a guerra fóra, nesa habitación estamos sos os cadernos, o ordenador e mais eu.
Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria
