Amaral reinvéntase e convence en formato dúo
A falta do seu concerto en Castrelos, Amaral visitou a terraza do Mar de Vigo en formato dúo para ofrecer un concerto do máis especial. Máis de hora e media que serviu para repasar dunha maneira alternativa moitos dos seus éxitos e presentar o seu último traballo, Salto al color. (Fotos: Paula C.)
A terraza do auditorio estase a convertir no principal escenario da cidade este verán tan peculiar e, como xa era visto, onte rexistrou un cheo completo. Iso si, gardando as correspondentes distancias de seguridade e coa obriga de ter posta a máscara durante todo o concerto. Antes de Amaral ocupou o escenario a viguesa dani, que presentou cinco temas do seu primeiro disco veinte, recén saído do forno hai un par de semanas. Algo do que poderían tomar nota Concello e promotoras para Castrelos 2021 e darlles un pouco de bola aos artistas de aquí.
Sobre as nove e vinte chegou o dúo zaragozano, formado por Eva Amaral e Juan Aguirre, un dos tándems musicais máis importantes do Estado. A cantante mostrouse moi emocionada de volver aos escenarios, e máis nunha localización tan fermosa, e fixo fincapé no agarimo que lle puxeron a este novo formato de dúo semi-acústico.
Abriron con Señales, pertencente ao seu último disco Salto al color, do 2019. Tras ela chegou un dos grandes clásicos da banda, El universo sobre mi, composta hai década e media pero sen perder nin un pouco de enerxía. Esta estrutura de canción nova e canción antiga foise repetindo de forma máis ou menos invariable: Bien alta la mirada (2019), Cómo hablar (2000), Nuestro tiempo (2019), Kamikaze (2008), Revolución (2005), Soledad (2019). Outro apartado a destacar foi a voz de Eva, que se mantivo brillante e poderosa durante todo o concerto, ofrecendo un recital á altura de moi poucos.
Tras Moriría por vos, un dos himnos da banda, e Nada bueno en mí, chegou un dos momentos máis especiais do serán: a versión que hai no seu último disco da cantiga de amigo de Martín Códax Ondas do Mar de Vigo, cuxa realización agradeceron ao gaiteiro vigués Carlos Núñez. Na terraza do Mar de Vigo e ao fondo coas verdadeiras ondas do mar de Vigo bañadas polo atardecer como testemuñas, fixeron deste tema un anaco máxico.
A cousa continuou co single de seu último lanzamento, Mares igual que tú, unha canción pegadiza que viu seguida de Entre la multitud, tamén dese disco. Juan Aguirre, ata agora encargado da guitarra principal, coros e dalgunhas tímidas palabras entre cancións, animouse a cantar Tardes, o tema máis antigo da noite, que data de 1998. Fermosa versión dun dos grandes guitarristas e compositores do panorama pop rock español.
Sin ti no soy nada soou no seu máximo esplendor neste formato reducido, o mesmo que a sentida homenaxe que fixeron ao eterno compositor Ennio Morricone, versionando The Ecstasy of the Gold do filme O Bo, o Feo, e o Malo. O concerto ía chegando ao seu fin, pero non faltaron Hacia lo salvaje, Peces de Colores (un canto á diversidade) e Cuando suba la marea. Tras o clásico paripé de saír e volver a entrar, interpretaron Salir corriendo e Ruido, comezando e rematando así cunha canción do último disco. Algúns botarían en falta outros clásicos como Marta, Sebas, Guille y los demás, Te necesito ou Toda la noche en la calle, o que non empañou o fantástico recital ofrecido por Eva Amaral y Juan Aguirre.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024