Álvaro Gago: “O matriarcado galego non existe. A muller traballa pero non toma decisións”
‘Matria’, a curta do vigués Álvaro Gago acaba de ser premiada nos Mestre Mateo tras ter recibido recoñecemento internacional en prestixiosos festivais como o Sundance, o Serrincia ou Alcine. Mañá martes, proxectarase gratuitamente na Casa Galega da Cultura xunto outras dúas curtametraxes galegas: ‘Cruz Piñón’ de Xisela Franco e ‘Bata por fóra (bata por dentro)’ de Claudia Brenlla. Falamos co novel director vigués, que con esta curta pretende botar por terra o mito do matriarcado galego.
MATRIA from Alvaro Gago Diaz on Vimeo.
Como xurdiu Matria?
Francisa Iglesias Bouzón é a muller que coidaba do meu avó. Construímos pouco a pouco unha amizade e de aí xurdiu o interese de retratala e de retratar ao tempo unha xeración. Unha personaxe que normalmente non se ve, pertence a unha franxa de idade que tampouco é protagonista, tanto no xénero masculino como no feminino, de filmes. Comecei a escribir o que xurdiu das conversas con ela e así naceu ‘Matria’.
“Ramona representa á muller galega e silenciada”
Podemos dicir que Francisca, Ramona no filme, representa á muller galega?
Si, representa á muller galega silenciada e sometida. Á muller galega sacrificada, forte, que leva á familia aos ombreiros pero que ao mesmo tempo non ten ningún tipo de poder, non ten ningún tipo de voz.
Con esta curta pretendes botar abaixo a teoría do matriarcado na sociedade galega.
O que fan a maior parte das mulleres galegas é traballar, iso non ten que ver coa toma de decisións. Nin a nivel familiar, nin a nivel político e de representación nas institucións teñen ningún tipo de poder. Simplemente son mulleres aguerridas que por necesidade e por a grandísima emigración dos homes tiveron ao seu cargo as propiedades. Nalgúns casos o apelido familiar que se mantiña era o das mulleres pero era por necesidade, por amparalas en caso de que os homes emigrados falecesen no mar ou desertasen nos lugares de destino. Non tiña nada que ver con que elas tivesen ningún tipo de poder.
“O Rexionalismo quixo fortalecer a identidade do pobo galego a través do matriarcado”
Como se creou este mito?
O mito vén alimentado por moitas fontes. Dende o Rexionalismo galego se quixo fortalecer moito a idea dun pobo galego con identidade propia en confrontación co centralismo castelá a través do matriarcado. Si que é certo que como pobo temos unha forte identidade que se distancia en moitas cuestión da identidade do pobo español, pero o matriarcado non é unha delas. Antroplóxicamente non hai ningunha evidencia de que o matriarcado existise en Galicia. Pola súa banda, o centralismo español tamén empregou a muller galega para menosprezar a sociedade galega, co discurso de eses galegos que están gobernados por mulleres.
Estás preparando unha longametraxe sobre Ramona
Estou estudando a posibilidade de facer unha longametraxe pero saíndo un pouco do marco de Matria e estendéndoo a personaxe de Ramona e a relación que lle unía ao meu avó. Era unha relación moi especial, eran dúas persoas que se coñeceron nun momento da súa vida no que se necesitaban. Por un lado estaba ela, que vivía nunha realidade moi parecida á que presento na curtametraxe e a miña casa supoñíalle unha especie de oasis. E por outra banda, está o meu avó, que na última etapa da súa vida apareceu esta muller que o zarandeaba e o movía e lle metía no corpo positivismo e dinamismo.
Gago xa está a traballar en novos proxectos. A próxima curta terá Vigo como escenario.
Que sentiches ao recibir o Premio do Xurado no Festival de Sundance?
Sentín sorpresa, conxeleime, unha mestura de nervios e incredulidade. Pouco a pouco fun relativizando todo, obviamente contentísimo co premio, é un premio que me abre moitas portas, pero cada vez me sinto un pouco máis distanciado de toda esa emoción que circunda aos festivais. En parte porque teño ganas de rodar e preciso ter os pés na terra.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024