Alga: formación 360º no centro de Vigo
Nun agradable local do centro da cidade, atopamos un espazo que se dedica integramente á formación en diferentes disciplinas, tanto escolar para a rapazada como artística para o resto de idades. Hai dous anos que botou a andar, coa mala fortuna de que aos poucos meses chegou unha pandemia que non favorecía os espazos pechados e as xuntanzas. Con todo, o proxecto de Leticia Rodríguez e Saúl Seoane mantense en pé, e por sorte as cousas están volvendo ao seu leito. A oferta de cursos e clases maxistrais é ben variada e interesante: cerámica, patronaxe e confección, bordado, cestería, deseño creativo, encadernación, estampado en bolsas, ilustración… pasando por termos como lettering, macramé ou papercut.
A pesar das dificultades, as cousas parecen estar a saír ben no seo de Alga. Algúns dos seus cursos, como cerámica (luns), patronaxe e confección (martes), cestería (mércores a partir do 20 de outubro), macramé (xoves) ou pop art (venres) están a gozar dunha grande acollida, o que demostra o interese que suscitan este tipo de manualidades na cidadanía. A reducción das restriccións e do medo da xente aos lugares interiores, xunto coa chegada dos meses fríos, favorecen este tipo de prácticas tan enriquecedoras e positivas.
A maiores dos cursos, que son cíclicos e teñen unha duración de varios meses, Alga oferta numerosos obradoiros dun só día para iniciarte nas diferentes disciplinas e, quen sabe, seguir mellorando en futuros cursos e talleres. Podemos escoller entre macramé (23 out e 27 nov.), papercut (6 nov. de mañá), modelado en fimo (6 nov. de tarde), ilustración de baleas con acuarela (20 nov.) ou estampación en tea (20 nov. de tarde) por exemplo, mais moitos están por vir nos meses vindeiros, polo que é moi aconsellable estar atento ás súas redes.
A parte creativa non é exclusiva dos adultos, pois teñen un interesante laboratorio de creación artística para rapaces chamado Recréate!. Nel exploran as diferentes técnicas de debuxo, escultura e pintura, todo isto acompañado de divertidos exemplos teóricos da historia da arte e os seus máximos expoñentes. Aprender divertíndose é o principal obxectivo desta proposta que se atopa en contínuo movemento. Tamén alugan o espazo de luns a venres polas mañás para reunións ou cursos doutras empresas.
Alga, clases y talleres | Rúa da Ronda de Don Bosco, 37 | hola@algaclases.com | 633 26 37 87 | FB: Alga clases y talleres | IG: @algaclases
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024