Afundación crea Agalería, un museo virtual pioneiro en España
Afundación continúa adaptándose á complicada situación actual, desenvolvendo este outono un amplo programa de 24 proxectos expositivos para que o público, tanto en Galicia como fóra da comunidade, poida seguir gozando da cultura. Entre eles destaca Agalería, un museo virtual que ten recibido 20.000 visitas desde a súa posta en marcha en xuño.
Afundación estendeu a programación máis aló das súas sedes, cun importante protagonismo de mostras situadas na rúa que saen ao encontro do público, ofrecéndolle un recurso cultural de primeira orde, grazas ao proxecto Corrente Cultural. Así mesmo, Afundación reforzou o seu proxecto de dixitalización dos contidos, con visitas virtuais a todas as súas exposicións, algunhas con recursos tan novos como a realidade aumentada vinculada á exposición de David Rubín. Case 40.000 persoas gozaron desde o mes de setembro destes proxectos expositivos, nos espazos, na rúa ou nas súas versións dixitais.
O proxecto «Miradas desde o confinamento», formado polas exposicións «Galicia en vilo» e «Primavera tras a ventá»; «Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín»; «Cromática. III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», «Castelao grafista (facsímile)», «O noso Planeta», «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia», son as mostras que se poden ver actualmente nas distintas sedes de Afundación en toda Galicia. De maneira virtual poderemos percorrer un total de 14 exposicións, ás que se acaban de sumar Sacrificio e ascensión e Cromática.
Neste novo contexto provocado pola pandemia, que dificulta o acceso aos espazos, pero tamén para levar os proxectos que se desenvolven en Galicia a públicos doutras poboacións españolas e doutros países, nace Agalería. Un museo virtual que recibiu desde a súa creación no mes de xuño case 20.000 visitas. Trátase dun novo proxecto pioneiro en España, con carácter dinámico e interactivo, que ofrece ao visitante unha experiencia única que lle permite adentrarse, non só nas obras expostas, senón no propio espazo. Agalería abriu as súas portas virtuais co proxecto expositivo «O mar nas coleccións de Arte ABANCA e Afundación», unha mostra concibida especialmente para este museo en liña, conformada por 50 obras de 27 autores das Coleccións propias da fundación.
Ademais, este luns 23 ás 19:00 terá lugar en AfundaciónTV un encontro en directo en torno Quino, creador de Mafalda e a figura máis universal do humor gráfico en castelán. O experto Asier Mensuro moderará este coloquio-homenaxe no que participarán os tamén historietistas Horacio Altuna e Manel Fontdevilla, compañeiros e grandes coñecedores e admiradores deste artista universal recentemente falecido que inspirou a xeracións de lectores de todo o mundo.