REVISTA FEBREIRO

Abre as portas A Nubeira, o novo centro social da cidade

O pasado sábado inaugurouse moi pretiño da praza de España A Nubeira, un espazo autoxestionado que pretende dar acubillo a todo o sector asociativo da cidade.

Hai un ano celebrábase a primeira asamblea d’A Nubeira coa intención de tomar o pulso a cidade, falar coas diferentes asociacións e ver cales eran as súas necesidades. Despois desa primeira toma de contacto, iniciouse un proceso para “dar resposta a unha estratexia política de redución das posibilidades materiais do mundo da cultura e do activismo”. Un dos primeiros obxectivos desta nova asociación era dotarse dun espazo para que a veciñanza e os tecidos asociativo e cultural se atopen. Despois dun duro traballo de procura, isto xa é unha realidade, A Nubeira acaba de inaugurar un espazo de 220 metros cadrados ao comezo da rúa Pizarro. O principal obxectivo é dotar dun espazo a todos os colectivos sociais da cidade que carecen dun propio.

Ao evento de presentación, que se celebrou o sábado, asistiron representantes de asociacións como Amnistía Internacional, Ecoloxistas en acción, Amigas das árbores, Faísca, Nós mesmas, Comisión Pro-palestina de Vigo, Avante LGBT+, Sindicanto de trabajadoras del hogar de Vigo, Os Ninguéns, Sindicato de inquilinas, Entreculturas, Rede Galicia Sur e Anticapitalistas. Desde a asamblea deste centro social sinalaron durante o acto que unha das particularidades que os define é a de tratarse dun espazo autoxestionado á marxe da filosofía do mercado e das institucións: “ninguén aquí viu a gañar diñeiro. Organizámonos para dotar á cidade dun espazo de encontro para os movementos sociais e a veciñanza de Vigo e arredores”. De maneira, que susténtanse a partir das cotas dos socios e socias e coas achegas voluntarias de todas as persoas das capas sociais da cidade que participen dalgún xeito ou outro. As persoas interesadas en entrar en contacto con este movemento cidadán poden facelo a través da súa páxina web, onde teñen pendurado o manifesto fundacional que finaliza así: “Disque A Nubeira ten o poder de invocar treboadas. Nós queremos traer un raio de luz que alumee a cidade que imaxinamos.”

The following two tabs change content below.
A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.