REVISTA ABRIL

Aberto o prazo de inscrición no XII certame de relatos Vigo Histórico

Como acontece desde hai xa once anos, o certame de Relatos Vigo Histórico, convocado pola Editorial Elvira, abre o seu período de inscrición. A temática das obras é libre, sempre e cando Vigo ocupe un papel protagonista. O prazo de recepción dos traballos remata o 30 de xuño.

A Panificadora | P. Cermeño

Hoxe anunciouse un deses eventos que todos os escritores noveis da cidade están agardando cada ano. Falamos da apertura do prazo de inscrición do certame de relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira desde o ano 2014. Esta duodécima edición busca o mesmo obxectivo co que naceu o concurso: dar un espazo a todos os amantes da escritura, tanto locais como de fóra, onde expresarse e colocar a Vigo no epicentro da creatividade.

O prazo para a recepción dos traballos comeza o martes 8 de abril e remata o 30 de xuño. Polo tanto, as persoas participantes teñen máis de dous meses e medio para crear e enviar unha historia de temática libre cuxa condición indispensable é que a cidade de Vigo xogue un papel protagonista. Os textos, un por autor, poden ser en galego ou castelán e cunha extensión máxima de catro paxinas ou 8.000 caracteres. Os orixinais deberán enviarse por correo electrónico a certamenvigohistorico@gmail.com seguindo as bases dispoñibles na web.

As recompensas consisten nun primeiro premio de 1000 euros, un segundo de 500 e ata catro accésits de 200 euros cada un. Ademais dos premiados, publicaranse arredor de vinte relatos máis no libro Relatos na Rúa XII, que contará coas ilustracións do grupo Diseñatas, da Fundación IgualArte, e que se presentará nun evento a finais de ano na Sede da Deputación. Nese mesmo evento coñeceremos ás persoas gañadoras do concurso.

O xurado encargado de escoller os mellores relatos está formado pola escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta, a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo, a escritora e actriz María Lado, a xornalista Noelia Otero e as dúas novas incorporacións: a profesora e tradutora Alba Piñeiro e a gran lectora María Jesús Fernández.

REVISTA ABRIL

O cartel deste ano é obra de Davida, polifacético artista vigués que ten colaborado na nosa revista. Na súa obra podemos ver a praza que está fronte a Oliveira (que por certo está a buscar nome) coa figura da Panificadora coroando o deseño.