A tirapuxa dos idiomas
Di o chiste que hai un par de palabras que nos poden abrir portas: tire e puxe. Adquirir ou mellorar o uso de linguas propias e alleas tamén nos abre accesos: comunicarnos mellor, chegar a máis xente e ampliar a comprensión do mundo que nos rodea. Por fortuna, dispoñemos de diversas formas de entrar na aprendizaxe de idiomas. Con obras na lingua pretendida, o cine, a literatura ou a música son algunhas das ferramentas máis amenas que se poden utilizar para tal propósito. Outros métodos pasan por academias, axencias de viaxes ou faladoiros. Todo isto nos fornece de oportunidades perfectas para adestrar a escoita activa e botar a lingua a pacer no idioma en cuestión, e facelo dun xeito distendido que mesmo nos dá pé a coñecer xente nova.
CONCORDE LANGUAGE SCHOOL
Estadounidenses asentadas en Vigo desde a década dos setenta, Deborah Randall e Robyn Spence dirixen este pioneiro centro de ensino desde 1988. A grande experiencia como profesoras de inglés que teñen as dúas animounas a abrir unha baseada no método comunicativo. «A énfase non debería estar centrada nos exames, aínda que os preparamos todos; un idioma é para usalo e comunicarnos», explica Randall, que tamén incide na importancia de asociar a aprendizaxe do inglés coa diversión, polo que buscan que nas aulas haxa un ambiente familiar baseado en grupos reducidos. «Queremos que a rapazada veña feliz á clase, que devezan polo inglés», engade, pois ao longo dos anos percibiu que o alumnado de secundaria tende a sentir antipatía polas materias de idiomas. Ademais de acoller nenos, adolescentes e adultos nas amplas instalacións, esta academia tamén oferta cursos de inglés dirixidos á actividade empresarial.
Rúa do Padre Seixas, 34 | concorde-lang.es | concorde@concorde-lang.com | 986 21 14 72 | @concorde_language_school
KIDS&US
Con máis de 650 centros repartidos polo mundo, case 550 no Estado, e dous en Vigo, a empresa catalá leva dúas décadas dedicándose ao ensino da lingua inglesa mediante un método singular que consiste en aproximar a aprendizaxe deste novo idioma ao da lingua materna, sen agrupar a materia como acontece na educación regulada. E isto como se fai? Pois falándolles en inglés aos pequenos, empregando todo tipo de conxugacións e léxico. Co paso do tempo, a rapazada empeza a asimilar e asociar as palabras coas accións ou cousas ás que se refiren. As actividades de lectura e escrita non empezan ata a idade de 8 anos, «pois antes queremos que sexan capaces de construír frases completas de forma espontánea», explica Sofia El Maskin Pérez, directora da academia da rúa de Urzaiz. O obxectivo é que, chegada a maioría de idade, o alumnado dispoña dun nivel equivalente ao C2, isto é, practicamente plurilingüe.
Rúa de Urzaiz, 108 | kidsandus.es/es/academias-ingles/vigo-independencia | 699 88 83 82 | vigo.urzaiz@kidsandus.es | @kidsandusvigo
OVER THE RAINBOW
Esta empresa con nome da célebre adaptación cinematográfica da obra O marabilloso mago de Oz botou a andar en Bouzas no ano 2005, ofrecendo os servizos como academia e como axencia de tradución e viaxes. En 2016 mudouse á céntrica Porta do Sol, excluíndo o formato de academia: na actualidade o nome coroa unha axencia especializada en cursos de idiomas no estranxeiro, contando na axenda con algunhas das mellores escolas do mundo. Desde viaxes dunha semana ata estancias dun ano enteiro, Elena, Sara e Dani acompañan en todo o proceso de asesoramento e escolla da opción que mellor nos encaixe. Aínda que o inglés é o idioma máis demandado, as estadías serven para diferentes idiomas que se poden practicar nunha chea de países. O público obxectivo vai desde adolescentes, universitarios, traballadores noveis e familias novas.
Porta do Sol, 10 | cursoenelextranjero.com | 986 24 61 41 e 654 22 23 22 | info@overtherainbow.es | @otr_idiomasyviajes
FALADOIROS
(consultar dispoñibilidade nos locais)
Galego
– Café Uf (rúa do Pracer, 19): iniciativa «Faladoiros Vigo», martes ás 20:00 h
– De Catro a Catro (rúa do Girona, 16): iniciativa «Faladoiros Vigo», os mércores ás 20:00 h
– Sesións virtuais: iniciativa «Faladoiros Vigo», martes e xoves ás 20:00 h
Francés
– De Catro a Catro (rúa de Girona, 16), mércores ás 20:00 h
Inglés
– A Lideira (rúa da Gamboa, 5), mércores ás 19:00 h
– Centro Comercial Camelias (praza de América, 1): iniciativa «Charlatana», venres ás 18:00 h
– De Catro a Catro (rúa de Girona, 16), mércores ás 20:00 h
– Jukebox (rúa de E. Heraclio Botana, 4), xoves ás 20:30 h
– Los 80’s (avenida da Atlántida, 54), mércores ás 20:30 h
– Revólver (rúa de Barcelona, 45 interior), xoves ás 19:00 h
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024