A romaría de San Roque, antiga pero moderna
Sopran ventos de cambio polo barrio de San Roque, que estes días está a celebrar a súa popular romaría. Con máis de 400 anos de historia, é a única celebración urbana deste tipo que permanece en activo na nosa cidade, e este ano pretende renovarse a fondo.
En febreiro deste ano iniciouse unha nova e ilusionante etapa nas Irmandades da Festa de San Roque, encargadas da organización da famosa romaría. Este grupo está conformado por xente máis nova do habitual nestes eidos, ademais de contar cunha forte presenza feminina na súa directiva. Eva Román é unha das persoas ao mando, e o seu obxectivo, xunto co do resto da Irmandade, é claro: renovar a romaría de San Roque.
Comezando polo aspecto musical, atopamos no cartel (moi coidado, por certo) nomes como os de Tony Lomba, Broken Peach, La Patrulla ou Alberto Cunha. “O primeiro é que non queriamos orquestras. Ademais de que son carísimas, hai moitísimas outras festas para velas”, comenta Eva, que subliña a necesidade de “arriscar un pouco, traendo bandas de Vigo e da comarca. A xente non só quere ver orquestras”.
Un dos seus grandes obxectivos é o de rexuvenecer a festividade, “traendo grupos que poidan atraer a xente nova porque senón isto acaba morrendo”. Na súa opinión, a xuventude está moi pouco interesada neste tipo de eventos debido a que sempre se repiten as mesmas cousas, “non hai nada atractivo para eles”. Matiza que “non é que non queiramos xente maior, é que sen a nova isto morre, é lóxica pura e dura”.
A pesar de que a man da nova directiva xa se está a notar, tanto no fondo como na forma, este non está a ser un camiño de rosas: “o noso gran problema é que arrastramos unha gran débeda do ano pasado, polo que o orzamento é moi pequeno. Ademais, e isto non o sabiamos, as romarías teñen unha serie de códigos internos, polo que intentar cambiar as cousas custa un montón”. Con todo, confía en que estes pequenos cambios van gustar e que para o ano a cousa poida mellorar aínda máis.
Ademais do que comentabamos do cartel, sorprendentemente moderno ao tratarse dunha romaría tradicional, Eva e o resto do equipo buscan coidar moito máis a estética nesta e en futuras edicións. Na de este ano unha das novidades son as jaimas ao longo da rúa Filipinas, que substitúen aos clásicos “tenderetes” que cada un colocaba como lle parecía. Outras poden ser a igualdade de prezos entre postos, oferta máis regulada e máis variada como poden ser produtos de artesanía, tentar recuperar tradicións como o baile da hogaza (celebrado ata o século XIX)…
Por último, un dos obxectivos principais é o de que San Roque se inclúa como Festa de Interese Galego, polo que teñen que cumprir unha serie de requisitos que nesta edición non se van lograr, pero confían que este é o camiño a seguir. Outra das metas é negociar con Abanca a cesión do pazo o resto do ano para poder realizar máis actividades a maiores da romaría.
PROGRAMACIÓN ROMARÍA DE SAN ROQUE:
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024