CAMELIAS MASCOTAS

A proeza da editorial Cíes

Fanse oitenta anos da publicación das primeiras novelas de peto da editorial Cíes do editor vigués Eugenio Barrientos López, instalada na familiar libraría Tetilla, tamén imprenta de postais, na rúa de Elduayen.

Grazas ao seu catálogo de bolsilibros, de fasquía semellante ao das novelas americanas de pulp fiction, Vigo converteuse durante quince anos (1943-1958) na indiscutible capital editorial da novela popular en castelán. Unha proeza cultural —escasamente valorada— que nos momentos de maior apoxeo chegou a vender arredor de trinta mil exemplares de títulos que tamén se alugaban nos quioscos de toda España. Éxito ao que non foi alleo o talento de Marcial Lafuente Estefanía, o seu autor estrela, un republicano que tras eludir con moita fortuna o pelotón de fusilamento viviu o seu exilio interior en Vigo, nun segundo piso das casas de Pernas das Travesas, onde escribiu centos de novelas do oeste ao ritmo de catorce cuartillas diarias, algo así como dous títulos por semana.

Os libros de Cíes editábanse en Vigo, as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos e encadernados con fío cosido en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almacén da editorial en Elduayen, onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se enviaban por correo. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra, que desenvolveu un catálogo de case 1.200 novelas, organizadas nas coleccións «Rodeo» (800 de vaqueiros), «Biblioteca X» (200 policiais) e «Princesita» (200 románticas), estimándose que puido chegar a publicar seis millóns de exemplares que en anos difíciles formaron millóns de persoas como lectoras.

REVISTA NOVEMBRO

Solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Publicou, tamén, libros de literatura xuvenil de rancio sabor franquista, en coleccións acartonadas como «Amenus», e mesmo series pioneiras de banda deseñada como «Cobra blanca» (1947) e «Máscara verde» (once títulos en 1949).

Manuel Bragado

Mestre e editor