A poesía volve reencontrase nas rúas de Vigo grazas ao Kerouac
A poesía en todas as súas formas volverá inundar un ano máis as rúas e locais da nosa cidade coa novena edición do festival Kerouac, desde mañá xoves ata o domingo. O reecontro do grupo Rompente é un dos principais atractivos desta edición.
Tender pontes e traspasar fronteiras é unha das características que definen ao festival Kerouac. Mañá arranca a novena edición deste evento poético na nosa cidade, que xa vai pola terceira edición en Nova Iorque e este ano estreouse en Cidade de México. Durante estes catro días poetas patrios e internacionais levarán os versos a diferentes espazos da nosa cidade para demostrarnos que a poesía é moito máis que aquilo que atopamos nos libros.
A programación arranca o xoves na galería Sargadelos con Yolanda Castaño e o seu Obradoiro Internacional de Tradución Poética, no que poderemos escoitar versos en nepalí, iraquí ou mesmo letón. O venres o festival trasládase a Fundación Barrié onde terá lugar unha das actividades máis destacadas desta edición que é o reencontro de Rompente ese grupo de investigación poética formado a finais dos 70 na nosa cidade por Antón Reixa, Manolo Romón e Alberto Avendaño. Canda eles estarán Silvia Penas e Tamara Andrés, boa mostra do presente da poesía local. O sábado a poesía inundará a cafetería de El Corte Inglés coas intervencións de Rocío Cerón (Ciudad de México), Montenegro Fisher (Londres) Constance Hurlé e Rui Grenha (Vigo/ Portugal) e Proxecto Noctiluca (Santiago de Compostela). A festa continuará na sala Radar onde coñeceremos a cara máis ‘canalla’ do festival con Lisbon Poetry Ensemle e Moloch. A última xornada arrancará na Taberna do Náutico cun vermú poético na que poderemos escoitar voces emerxentes e incluso participar nos micros abertos. Pola tarde terá lugar o Poetry on Board, unha das actividades máis singulares do Kerouac, un recital poético a cargo de Rocío Cerón, Samir Delgado e Montenegro Fisher a bordo do barco que vai de Vigo a Moaña. As actividades culminarán o propio domingo na rúa Londres coa ampliación do muro dos poetas.
Un feixe de actividades diferentes para deixar atrás calquera barreira que poidamos ter e achegarnos a poesía.
PROGRAMACIÓN COMPLETA FESTIVAL KEROUAC:
[add_eventon_el event_type_2=”20996″ number_of_months=”3″ sep_month=”no” ux_val=”4″ hide_empty_months=”yes” tiles=”yes” tile_bg=”1″ tile_style=”1″ tile_count=”3″]