A Orquesta Clásica e Oxfam presentan ‘Música para Emerxencias’
Hoxe a Orquesta Clásica de Vigo e Oxfam Intermón presentaron un concerto solidario baixo o nome de ‘Música para Emerxencias’, que terá lugar o 29 de febreiro ás 12:30 no Teatro Salesianos, onde todo o recadado irá destinado ao fondo de emerxencias humanitarias da ONG. As entradas estarán á venda na tenda de comercio xusto de Oxfam Intermón no Casco Vello (R/ Triunfo, nº 4) cun prezo de 10€ venta anticipada, 12€ na taquilla e 10€ a fila cero.
A Orquestra Clásica de Vigo e Oxfam Intermón unen as súas forzas para realizar un concerto solidario baixo o lema de ‘Música para Emerxencias’, xa que os cartos recadados irán destinados ao fondo de emerxencias humanitarias da ONG. Estas traxedias van desde terremotos e incendios ata guerras e migracións masivas.
Neste momento, Oxfam Intermón opera na guerra de Yemen, o Corno de África, cos refuxiados do mediterráneo ou a Caravana de Latinoamérica. Este tipo de emerxencias suceden constantemente, polo que en Oxfam precisan de medios para estar preparados en todo momento e actuar cando sexa preciso.
Este concerto será o vindeiro sábado 29 de febreiro, ás 12:30, terá lugar no Cine Teatro Salesianos, contando ademais co apoio deste centro e de Vitrasa. Desde a Orquesta Clásica, que a vindeira semana presentarán a súa programación ata verán, fan un chamamento á solidariedade cidadá xa que para eles “un dos valores máis importantes da cultura é a súa capacidade para sumar e transformar o mundo nun lugar mellor e menos egoista”.