A lenda da música brasileira Gilberto Gil desembarca no Mar de Vigo
Este martes chega a Vigo Gilberto Gil, un dos maiores expoñentes da música brasileira e do tropicalismo. A súa carreira comezou nos anos 60 e aínda o ano pasado sacou un novo traballo, Ok Ok Ok. As entradas están dispoñibles nesta ligazón.
É un símbolo da música popular brasileira, foi ministro de Cultura no seu país… Gilberto Gil é un xigante da música e este martes tentará demostralo nun concerto excepcional no Auditorio Mar de Vigo, dentro da súa xira europea na que presentará o seu novo disco Ok ok ok (2018), co que regresa logo dunha convalecencia que ameazou a súa vida. Mais isto non afecta ao seu directo, no que estará acompañado dunha excelente banda e unha das revelacións musicais no Brasil contemporáneo: Roberta Sá. Este será o seu segundo e último concerto en España, despois do que ofreceu en Barcelona o pasado 8 de xullo.
O seu primeiro disco, Louvação, foi lanzado en 1967. Mais antes, en 1963, coñecería ao seu amigo Caetano Veloso na Universidade da Bahia, iniciando con el o movemento tropicalista que marcaría unha nova era na música e nas artes do Brasil e ao que se uniron outros nomes importantes como Gal Costa ou Tom Zé. Isto non lle gustou á ditadura, o que provocou o seu exilio en Londres, o que acrecenta a súa influencia pop, e mesmo grava un disco alí con temas en portugués e inglés.
Ao seu regreso verte toda a súa creatividade en 60 discos, con máis de 4 millóns de copias vendidas e 9 Grammys no seu haber. Ten realizadas xiras por todos os continentes e en 2002 converteuse en ministro de Cultura, cargo que desempeñou ata 2008, pasando a ser unha figura tamén no universo sociopolítico, ambiental e cultural internacional. O seu mandato caracterizouse por unha perspectiva antropolóxica da cultura que estimulase a diversidade cultural e a participación cidadá nas políticas públicas, ademais da súa defensa do software libre e polos seus intentos de flexiblizar os dereitos de autor. Foi nomeado, entre outros, Artista da Paz pola UNESCO en 1999 e Embaixador da FAO, alén de condecoracións e premios diversos, como Légion d’ Honneur de Francia.
Chega a Vigo para presentar o seu último traballo, Ok ok ok, co que volve ao top mundial da música, con temas que falan da familia, das amizades, da vellez ou da enfermidade, pero tamén contra as patrullas ideolóxicas. Gilberto Gil ten o don de incorporar todos os aspectos do cotián á súa obra. Do familiar aos movementos políticos, sociais ou culturais, todo é inspiración para unha nova canción, unha nova idea melódica, un movemento harmónico enxeñoso. A produción musical do seu fillo Ben e a participación de amigos e familiares destaca o aspecto íntimo da obra.