A Laxe celebra os seus dez anos cunha gran festa este sábado
A Laxe está de aniversario, e quere celebrar os seus 10 anos con todos nós. O sábado 16, a partir das 19:00, o Centro Comercial inundarase de distintos espectáculos e música para toda a familia, ademais do sorteo dun coche.
Alá polo 2008 abría as súas portas o Centro Comercial A Laxe, que hoxe cumpre 10 anos convertido nun punto clave do comercio vigués. O sábado 16, ás 19:00 da tarde, terá lugar a súa festa de cumpreanos, cargadiña de eventos de todo tipo. Todos eles serán na parte exterior do Centro, na zona portuaria.
A celebración comezará co sorteo dun Citroën C4 Cactus, o cal leva un tempo exposto no interior do complexo comercial. Acto seguido chegará a compañía Fredi&Cía co seu divertido espectáculo mimo. Por outra parte, o ilusionista Martín Camiña fará as delicias de pequenos e maiores cos seus trucos de maxia, deixándonos a todos coa boca aberta. O seguinte en entrar á escena é a compañía de performances Pablo Méndez, a cal nos ofrecerá un incrible show circense, onde as piruetas e acrobacias serán as verdadeiras protagonistas. Para rematar, é a quenda de La Banda de Nash, que serán os encargados de poñer ritmo a esta tarde tan especial.
Este sábado a zona portuaria vai estar máis animada que nunca cos espectáculos organizados polo Centro Comercial A Laxe, e de seguro que o bo tempo acompañará á celebración para que poidamos gozar dunha agradable velada.