bannerEspazoFest
Banner sonrias

A feira Culturgal pásase ao formato semipresencial

A feira Culturgal celebrarase do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra, aínda que este ano será algo diferente por motivos obvios. Salvo as sesións de cinema, toda a programación poderá ser seguida en directo por vía telemática a través de tres canles: Escena, Foro e Libro.

Ao mal tempo, boa cara. Esa é filosofía de Culturgal 2020, que se celebrará do 27 ao 29 de novembro co obxectivo de mostrar ao gran público a actividade cultural de Galicia máis remarcable do presente ano e do que vén. Desde Pontevedra tres canles para retransmitir o que acontece nos escenarios (Escena, Foro, Libro) e fóra deles e un equipo de realización que suma vinte persoas ao staff da feira.

Chegar ás casas durante a última fin de semana de novembro é a meta que se propón o evento nesta edición da pandemia. Agás a sala de cinema, toda a programación será accesible desde a casa en cultur.gal. De calquera xeito, para participar presencialmente nalgunha das actividades e tendo en conta os aforos permitidos, pódese retirar o convite en cultur.gal até completar a capacidade máxima desde o venres 20 de novembro.

Banner A Movidiña

A programación xa se atopa dispoñible na web do evento, protagonizada polas grandes estreas do ano e os nomes de referencia da literatura, música, arte contemporánea, cinema e artes escénicas. O sábado 28 e o domingo 29 de novembro máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia, 12 cámaras, 20 horas de retransmisión e un equipo de máis de 60 persoas traballando para levar ás casas o mellor da cultura galega.

Na Canle Libro poderemos atoparnos con escritores do nivel de Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Suso de Toro e moitos máis. O Espazo Foro acolle performance, poesía ou artes escénicas. Tamén encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión. Incluso tempo de ópera e breakdance. Mónica Mura, o CDG, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Marta Pérez, Antón Reixa, Aldaolado, Ana Romaní, Vella Escola e moito máis no estarán no Foro Culturgal 2020. A Escena é ben variada pensando en músicas para toda a familia: desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane cos seus respectivos espectáculos.

No caso do Cinema a participación do público será só e exclusivamente presencial. Títulos de luxo do cinema galego na programación 2020. Catro longametraxes de ficción e dous documentais proxectaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de directoras, produtoras e reparto. O pase de Ons, de Alfonso Zarauza, con concerto da banda Chicharrón, será evento especial da xornada de apertura da Culturgal, o venres 27 de novembro. A illa das mentiras, de Paula Cons, Arima, de Jaione Camborda, Longa noite, de Eloy Enciso, e os documentais Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío e A media vozHeidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, forman parte da proposta cinéfila da Culturgal coordinada por AGAPI.

X