A Editorial Galaxia celebra 75 anos creando porvir para a cultura galega
‘Crear porvir’ é o lema escollido pola Editorial Galaxia para o seu 75 aniversario, que celebran cun programa de máis de sesenta actividades. Exposicións, premios literarios, actividades para a rapazada e foros por toda a xeografía galega ao longo deste 2025.
“Ista Compañía terá por ouxeto a edición de libros, revistas e demais pubricacións, a sua exportación, espallamento e venda e calisqueira outras aitividades afíns que contribuian ao desenvolvimento universal da lingua e da cultura galega”, di o artigo número tres dos estatutos fundacionais da editorial Galaxia. Setenta e cinto anos despois o obxectivo continúa a ser o mesmo como explicou na rolda de presentación do aniversario, Xosé Soutullo, director da editorial: “reforzar o noso compromiso co libro galego, coa nosa lingua e a nosa cultura”. Aínda que os tempos son outros, Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración da Editorial quixo sinalar que todas as persoas que de forma altruísta forman parte do consello (non perciben salarios e os dividendos da empresa reinvírtense na editorial) permanecen fieis aos principios fundacionais e fixo fincapé nos riscos aos que se expuseron as persoas que en 1950 participaron na asamblea fundacional de Galaxia. “Todos os socios fundacionais (entre os que estaban Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto ou Manuel Gómez Román) foron sancionados e perseguidos pola súa participación, pero eran persoas cunha entrega absoluta na defensa da nosa cultura”, sinalou Andión.
Desde entón, Galaxia leva publicados preto de 4.000 títulos e conta cunha nómina de 1.500 autores. O programa de actividades previsto para celebrar esta efeméride inclúe exposicións, foros de debate, premios literarios, producións audiovisuais e eventos para todos os públicos.
Entre eles figura o primeiro Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil para fomentar a creación e a lectura en galego, dotado con 6.000 euros ou o Premio Galaxia de Novela 75 anos, con 25.000 euros, que se anunciará o 23 de abril, Día do Libro. Tamén se organizará unha exposición itinerante polas sete cidades galegas sobre os acontecementos literarios máis destacados da editorial e os seus protagonistas, ademais doutra que percorrerá a evolución dos seus deseños de portada desde 1950 e unha máis sobre os autores ourensáns de Galaxia, como Otero Pedrayo ou Carlos Casares.
Realizarase tamén un documental sobre a historia da editorial, unha biblioteca coa selección de dez dos seus títulos históricos que marcaron un fito na cultura galega, ademais de catro Foros Grial Galicia 2050 sobre economía, ciencia, educación e cultura que se celebrarán en Ourense, Santiago de Compostela, A Courña e Vigo respectivamente. O programa inclúe ademais actividades para a cativada, como unha xira de 30 funcións en centros escolares da obra teatral «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica», que aposta pola imaxinación fronte á intelixencia artificial, ou o libro «Unha galaxia viguesa», de Marcos Calveiro, sobre a identidade de Vigo.
Un acto central en Santiago de Compostela a modo de festa conmemorativa o 6 de setembro, que lembrará a asemblea fundacional, pecha o programa de celebración do 75 aniversario que tamén inclúe a reedición de númerosos títulos entre os que figura un fascímile das versións manuscritas de ‘Os vellos non deben namorarse’ de Castelao.