CAMELIAS MASCOTAS

A banda sonora da nosa infancia

Co paso dos anos imos esquecendo moitas das cousas que nos fixeron felices na infancia, mais hai unha que resiste con actitude guerrilleira na memoria milleiros de persoas, novas ou non tanto. Falamos, por suposto, da banda sonora do Xabarín Club, formada por unha longa restra de hits imperecedoirosque marcaron a infancia da coñecida como xeración Xabarín: Somos do clube da Galega, Socio busca un socio, Non todo é o que parece, A vida dentro dun pin, Pero que jallo é!, Prefiro bailar twist, Oda ao futbolín, O sancristán de Basán, Hoxe son un punk, Pode ser…Por non falar das cabeceiras de Doraemon, Dragon Ball, Gatocán, Os Picapedra ou o Detective Conan, entre outras moitas.Cancións que mesmo chegaron a traspasar fronteiras, como comentou nunha entrevista á revista galega Inorantes o asturiano Esteban Girón, baixista da banda Toundra, recoñecendo que medrara vendo o programa do porco bravo.

Como non podía ser doutro xeito, os músicos vigueses xogaron unha baza fundamental na creación desta banda sonora tan memorable. Así, os dous directores musicais que tivo o programa durante a súa época dourada foron primeiro Julián Hernández (Siniestro Total), e despois Pablo Novoa (Golpes Bajos, La Marabunta, La Banda de Late Motiv), que participaron compoñendo músicas, letras e tocando nos shows en directo. Ademais, ao longo destes 25 anos vimos desfilar polo televisor diferentes artistas locais como Aerolíneas Federales, Antón Reixa, Def Con Dos, El Puto Coke, Iván Ferreiro, Manuel Manquiña, Mr. Carácter, Nicolás Pastoriza, Pussycats, Silvia Superstar, Siniestro Total ou Wöyza. Pero que ten de especial esta música infantil para que sexa recordada despois de tanto tempo? «O programa requiría facer música sinxela, pero boa», comenta Pablo Novoa, «porque aínda que os nenos non teñen demasiadas referencias musicais, non son parvos». Antón Reixa, líder das bandas Os Resentidos e Nación Reixa, engade que a clave está principalmente en «facela sen complexos e non considerar aos nenos como menores de idade, senón como seres en pleno uso de razón». Nesta liña, Hernández engade que «o eclecticismo foi a base de todo, non tiñan que ser cancións como as de Teresa Rabal ou as de Los Payasos de la Tele, que eran a norma xeral daquela. Nós pensabamos en chegar a xente máis maior, duns doce anos, porque á fin e ao cabo o rock é unha cultura xuvenil». Aínda que recoñece, entre risos, que a súa canción ¿A onde vas, rapaz? era «un pouco anarquista de máis e algunha péga si que nos puxeron». Aínda que o Xabarín Club seguiu sacando cancións despois daquela etapa, a súa notoriedade foi moi escasa. Moitos nos barallamos se sería posible un renacer musical do programa, vendo o bo estado de forma que atravesa a música galega nestes momentos: «Bandas en Galicia hai dabondo. Hai cousas que acontecen nun momento determinado da historia e non sei se agora sería posible o mesmo éxito. O que si sei é que se o apoiasen, o Xabarín podería volver a estar a un alto nivel», reflexiona Novoa, que propón artistas como Guadi Galego, Novedades Carminha, Sés, ou os vigueses The Soul Jacket para facer o Xabarín great again. Pola súa parte, Miguel Costas, daquela líder de Aerolíneas Federales, lamenta que «hai bandas moi boas que teñen moi pouca cabida na televisión. Hoxe en día, e xa non só en Galicia, apenas hai programas musicais. A pesar de internet, a televisión segue a ser o medio máis visto e unha moi boa plataforma para darse a coñecer». Quizais a falta de fondos, e posiblemente de interese, sexan as causantes do declive do cocho máis roqueiro destes lares. «As prioridades das televisións son misteriosas e nunca sabes moi ben por onde van tirar», finaliza Julián Hernández.

REVISTA NOVEMBRO

A seguinte anécdota de Pablo Novoa podería servirnos para decatarmos do éxito que acadou o Xabarín na sociedade galega alén das crianzas: «Ao ter bandas de rock, o programa era visto por adolescentes e universitarios. Chegou a ter que prohibírselle á xente maior de 18 anos facerse socia, porque de repente todo o alumnado terceiro curso de Farmacia de Santiago se afiliaba, cando supostamente se trataba un programa infantil». Un fenómeno social e cultural nunca antes visto, no que Vigo tivo un papel principal.

Miguel Costas: Quero xamón, de Aerolíneas Federales

«As miñas cancións gustan moito á rapazada. Os pais mándanme vídeos dos nenos cantándoas».

Julián Hernández: Carmiña Vacaloura, do Maestro Reverendo

«Musicalmente había cousas bestiais. Fixemos unha canción, O que ten cu, ten medo, que falaba da esquizofrenia».

Pablo Novoa: Volver á casa por Nadal, da Xababanda e Satélite Xabarín, de La Marabunta

«En teoría, eu sigo a ser o director musical do programa, pero desde hai anos xa non se fai nada por falta de orzamento».

Antón Reixa: Estou na lavadora, do Caimán do río Tea e Quero xamón, de Aerolíneas Federales

«Entre o público que me seguiu ao longo dos anos hai dúas camadas: a dos anos 80 e a xeración Xabarín»

Pablo Vázquez
Redactor

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Abril de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.