BANNER OSDC

La Fábrica de Chocolate celebra vinte anos de concertos con Ortiga, The Rapants ou Sarria

Unha das salas máis lonxevas e activas da cidade, La Fábrica de Chocolate, celebra este mes de maio o seu XX aniversario cunha ampla programación de concertos que inclúen artistas locais, galegos e nacionais.

O grupo local Treintañeras Cañeras actuando en La Fábrica de Chocolate | P. Vázquez

Hai vinte anos Enrique Fernández, José Argibay e a promotora local Esmerarte xuntaban os seus esforzos para abrir La Fábrica de Chocolate no número 22 da rúa Rogelio Abalde, no corazón de Churruca. Nestas dúas décadas polo seu escenario pasaron grandes nomes da escena nacional e internacional: The War on Drugs, The Drones, Jay Jay Johanson, Vetusta Morla, Novedades Carminha, Los Zigarros, Toundra, Dakidarría, Los Chikos del Maíz, Narco, Sr. Chinarro e moitísimos máis. Como vemos, o eclecticismo das propostas é un dos sinais de identidade.

Por estes vinte anos continúan ofrecendo unha programación variada con artistas locais, galegos e do resto de España. Sobre os primeiros podemos sinalar a Joao Tomba (día 1 de maio), Carla Lourdes (2), Michu da Rocha (3), Monolious Dop (10), Chungo Pastel (15) ou Serpe (17). Do cartel destacan os nomes de Grande Amore (9), Drugos (10), Sarria (16), Ortiga (24), Taïn (31) ou The Rapants (23), recentemente galardoados nos Premios MiM como Mellor Álbum en Galego por La máquina del buen rollo. De feito, a propia Fábrica colaborou na edición do seu anterior disco, O corasón como un after. En redes sociais o local anunciou que lanzará unha nova liña de merchandising, que estará á venda nos concertos deste mes.

No primeiro ano de vida d’A Movida, en 2018, entrevistamos a Quique Rodríguez polo XIII aniversario da sala e daquelas afirmaba que “o máis importante é que as bandas digan que queren volver tocar no teu bar. Que a xente se sinta ben enriba do escenario, tratar ben aos músicos, que xa lles chega con facerse quilómetros e quilómetros de estrada para tocar, xa están fartos diso”. Sobre o aspecto económico de rexentar unha sala de concertos afirmaba que “non é un negocio para facerse millonario, sácanche diñeiro por todas partes. Hai un montón de problemas dependendo de quen estea no Concello, grupos que non xiran, concertos que non saen… todo vai sumando. Dentro do que cabe levámolo bastante ben. O mellor, sobre todo, é o trato coas bandas, o grupo que fas no propio bar cos teus empregados e a zona, que é un barrio cunha tendencia moi musical”. Tamén contaba unha anécdota que mostra a, en ocasións, complicada convivencia entre salas e festivais: “No mesmo ano, en 2009, tocaron con moi pouca diferenza de tempo The War on Drugs e The Drones, que poucos meses despois actuaron no Primavera Sound. Moita xente preguntaba “ostras, tocaron eses grupos aquí?” e eu lles dicía que si, que so había 50 persoas na sala e eles non estaban”.

Enrique Rodríguez, coñecido como Quique Fábrica, en 2018 | P. Vázquez