REVISTA MARZO

O Gozo Festival e Río Verbena adiantan gran parte dos seus carteis

Dous festivais galegos, Río Verbena en Pontevedra e O Gozo Festival en diferentes espazos do territorio, veñen de confirmar a bastantes artistas para os carteis da edición deste ano: Maná, Bright Eyes, Coque Malla ou Álvaro de Luna son algúns destes nomes.

Maná en Castrelos | P. Vázquez

Os festivais en Galicia continúan a mostrar un bo estado de saúde. Así o demostran as novas confirmacións dos festivais O Gozo Festival e Río Verbena Fest. Ambos os eventos, de recente creación pero distinto formato, buscan consolidarse na escena festivaleira.

O Gozo Festival, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, prepárase para a súa terceira edición cunha ambiciosa axenda que se desenvolverá en diversos puntos da xeografía galega ao longo de 2025. O festival vén programando en anos anteriores un elenco de importantes artistas internacionais, referentes nos seus respectivos estilos, que naalgúns casos actuaban por primeira vez en Galicia.

A programación de O Gozo Festival 2025, que comezou o 15 de febreiro con Franz Ferdinand na Coruña, presenta un cartel de luxo con artistas de talla mundial. Anastacia, a cantante estadounidense con máis de 30 millóns de discos vendidos, chegará por primeira vez a Galicia o 16 de marzo en Vigo. O 10 de abril, o Coliseum da Coruña recibirá a Lenny Kravitz co seu Blue Electric Light Tour 2025. O 5 de xullo, o Monte do Gozo de Santiago acollerá ao mexicanos Maná, unha das últimas confirmacións. Ao día seguinte, o 6 de xullo, no mesmo espazo, é a quenda do recoñecido DJ David Guetta. A cantautora Alanis Morissette debutará en Galicia o 9 de xullo, mentres que a banda de culto Bright Eyes, liderada por Conor Oberst, fará o propio o 11 de xullo en Santiago de Compostela. Finalmente, o 31 de xullo, a superestrela Lionel Richie pechará o ciclo na Coruña coa súa xira Say Hello To The Hits. Podes mercar aquí as túas entradas.

Tras o éxito da súa edición anterior, que congregou a máis de 19.000 persoas, o Río Verbena Fest volverá tomar a zona exterior do Recinto Feiral de Pontevedra os días 22 e 23 de agosto. O festival, consolidado como un evento de referencia na Boa Vila, confirmou os primeiros nomes do seu cartel, apostando por figuras destacadas do pop e indie nacional.
Entre os artistas confirmados atópanse Coque Malla, referente do pop español cunha traxectoria que abarca desde Los Ronaldos ata a súa exitosa carreira en solitario. Álvaro de Luna, unha das voces máis destacadas do pop-rock actual, tamén se suma á festa, xunto a Nil Moliner, coñecido pola súa enerxía e a súa habilidade para fusionar xéneros. O cantautor galego Andrés Suárez ofrecerá o seu único concerto en Galicia no festival, mentres que Carlos Sadness, co seu inconfundible son galactropical, promete cativar ao público. Ademais, Pignoise revivirá o espírito do pop-punk español, e YSY A, un dos pioneiros do trap e rap arxentino, achegará unha dose de son internacional. O cartel complétase con Malmö 040, unha banda de pop alternativo cun son ecléctico, así como os talentos emerxentes de Carla Lourdes e Taïn. Merca aquí as túas entradas.