REVISTA NADAL

Molotov e Los Tigres del Norte súmanse ao cartel do festival Portamérica

As bandas mexicanas Molotov e Los Tigres del Norte actuarán este verán na Azucreira de Portas dentro do Festival PortAmérica que se desenvolverá do 3 ao 5 de xullo. Entradas e abonos á venda nesta ligazón.

México estará moi presente na nova edición do Festival PortAmérica que vén de anunciar a incorporación das bandas Molotov e Los Tigres del Norte no seu cartel. Con este anuncio o evento reforza o carácter iberoamericano dun festival que tende pontes a ambos os dous lados do Atlántico e cuxa terceira edición mexicana, PortAmérica Latitudes, celebrarase en Guadalaxara dentro dun mes.

As de PortAmérica van ser as únicas actuacións en Galicia destas dúas agrupacións. Molotov, unha das primeiras bandas de rock en español, vai celebrar trinta anos sobre os escenarios ante o público de Portas o xoves 3. Os enérxicos corridos e rancheiras de Los Tigres del Norte chegarán un día despois ao festival. Estas dúas confirmacións súmanse a un cartel que case coñecemos ao completo, que destaca unha vez máis por ecléctico, no que atopamos nomes como Mikel Izal, Love of Lesbian, Emilia, Melendi ou Viva Suecia.

O PortAmérica tamén anunciou a incorporación de cinco novos chefs que formarán parte do multipremiado ShowRocking: Paco Pérez, Janaina Torres, Vicky Sevilla, Alberto Molinero e Martín Vazquez. Así, o total de Estrelas Michelin participantes ascende a dezasete, xunto a tres Estrelas Verdes e dous Bib Gourmand.