VEGANA

Bizarrap, WOS e Xoel López súmanse ao cartel do Portamérica

Portamérica publica o cartel completo da súa décima edición, que se celebra do 2 ao 4 de xuño en Caldas de Reis. O festival disporá de acampada na carballeira da vila, cinco liñas de autobuses desde distintas cidades galegas, a súa premiada zona gastro e sesión vermú na zona termal.

O cartel da décima edición do Portamérica xa contaba con grandes atractivos como cabezas de cartel, como Rozalén, Lori Meyers, Delaporte, Mikel Erentxun, Coque Malla ou Baiuca. A el súmanse agora Bizarrap, o maior produtor de trap da actualidade; WOS, o rapero arxentino do momento ou Xoel López, un dos emblemas do festival.

As novas confirmacións complétanas grandes referentes nos seus respectivos xéneros musicais como son Depedro, Alice Wonder, Lisandro Aristimuño, Rojuu, The Parrots, Instituto Mexicano del Sonido e Flecha Valona.

O festival repite o emprazamento da pasada edición, a azucreira de Portas, no concello de Caldas de Reis e habilitará a carballeira, situada no centro da vila, como zona da acampada. A carballeira é un espazo natural centenario, emblema de Caldas, que foi sede do festival en tres edicións. Para acceder á zona de acampada será preciso reservar sitio e contar con entrada para algunha das xornadas do festival.

Outra das novidades deste ano será a programación en sesión vermú, que terá lugar en A Tafona, un establecemento ao pé do río Umia con zona termal. A asistencia ás sesións vermú, que se celebrarán tanto o sábado como o domingo, é aberta a todo aquel que se quera achegar.

Non falta en Portamerica a zona gastro, capitaneada polo chef Pepe Solla e que reúne a numerosos cociñeiros galegos e internacionais de recoñecido prestixio. Os 21 chefs confirmados polo momento para PortAmerica 2022 atesoran 18 Estrellas Michelín e 32 Soles Repsol.

REVISTA OUTUBRO

Co anuncio do cartel musical completo e por días, o festival saca á venda as entradas diarias que, xunto aos abonos e as reservas da acmpada, poden adquirirse a través da súa web.