ARRIBADA

Artur Puga, bailarín e músico: «Facer unha foliada en Churruca xa non se ve raro»

Desde o berce leva Artur Puga (Teis, 1997) mamando a música tradicional, que pouco tardou en converter na súa profesión. Este percusionista, bailarín e mestre ve con ledicia o momento que se está a vivir e apela á conciencia social para continuar o camiño andado. Quedamos no furancho O’Buraquiño de Bembrive, rexentado por Álex Fernández, outro dos grandes nomes da música tradicional na cidade.

Na miña casa, desde que teño memoria, cántase, báilase e tócanse instrumentos nas comidas, nas ceas, no Nadal, nos aniversarios… Con catro anos entrei nun grupo de baile en Sárdoma e logo comecei a tocar o tambor en Cabral. Eu non era consciente do que estaba pasando, pero despois, cos anos, deime de conta de que a miña familia tiña unha tradición musical moi importante.

Nunca ninguén se dedicou á música como tal, probablemente non porque non puidesen, porque eu sempre pensei que na miña familia hai xente moito máis talentosa ca min, senón porque dedicarse á música e ao baile tradicional é bastante complexo xa de imaxinar.

Cando tiña doce anos, un compañeiro que tocaba a gaita abriu unha asociación na Guía moi pequeniña que pretendía ensinar música tradicional, e había tres señoras, entre elas a miña tía, que querían acudir a clases de baile. Eu xa levaba tempo bailando, así que comecei a darlles clase e engancheime. Descubrín que o que realmente me apaixona é ensinar, a posibilidade de transmitirlle a alguén unha cousa que eu sei.

Eu bailaba na Buxaina, era o grupo no que estaba toda a miña familia e os meus colegas. Xisco (Feijoó), que era entón o director, xa non daba máis, era xa un artista recoñecidísimo con Budiño e outros proxectos. Naquel momento el dixo que a persoa que cría que podía quedar co grupo era eu e todos apostaron por iso.

Recórdoo como unha decisión bastante dramática, porque é nese momento cando pasas de facer algo por mero divertimento a pensar en que pode ser o teu medio de vida. Deime de alta como autónomo e apostei por convertelo na miña profesión. E significou organizar toda unha intendencia, porque xa non eran só as clases, era todo o que implicaba preparalas, comezar a ir de recollida cun fin real. Recórdoo como un proceso complexo pero que a día de hoxe me agradezo a min mesmo moitísimo. Fago o que quero facer grazas a esa decisión.

Si, non foi o meu primeiro mestre, comecei a ser o seu alumno con once anos, mais nun período moi pequeno de tempo fixémonos amigos, compañeiros; el levoume por medio mundo de recollida, ensinoume moitísimas cousas e apostou moito por min. No seu momento, convertémonos case nunha unidade, porque todo o que faciamos un e outro era compartido. Para min foi moitas cousas: amigo, compañeiro, será sempre o meu irmán e sobre todo o meu mestre, claro.

O certo é que eu, xa de pequeno, recollía dos meus avós sen sabelo. Despois, de mozo, indo aos seráns, trabei relación con moitas señoras da zona do Condado e de Pontevedra. Marchabamos, por exemplo, coas de Sequeiros ao Carboeiro en autobús todos xuntos, pero non era consciente do que estaba facendo. Logo, con Xisco, descubrín o que realmente era un traballo de campo algo máis formal. Máis tarde, tiven a sorte de participar nun proxecto cunha compañeira que se chama Carmela,que é doutorada en Investigación e Musicoloxía. Con ela aprendín o que é facer unha investigación real. Eu tiña a capacidade de coñecer as señoras e de tratar con elas e ela tiña as ferramentas para desenvolver unha investigación en condicións.

Hoxe en día xa non decido onde ir, teño que ir a certos sitios porque se non mátanme. Teño amizades que me chaman para que pase por alí tomar un café. O que si que é certo é que fago unha aposta moi grande polo rural; de feito, eu vivo nunha aldea. Cando comecei si que me movía unha cuestión de interese, quería saber como se bailaba nun sitio e ía alí. Pero a recollida é moito máis que cantar e bailar, é unha vivencia. Igual para o que estou facendo agora non necesitaría ir de recollida, pero precísoo porque lle dá valor ao que fago.

Polo xeral moi ben, pero ao longo destes anos deume para analizar os diferentes tipos de carácter que temos en Galicia. Por exemplo, a provincia de Ourense é sempre moito máis complexa, posiblemente porque viviron menos o das recollidas e teñen menos hábito de que a xente vaia preguntar á súa casa… Pero eu sempre digo que hai que poñerse na súa pel. É un traballo de pouco a pouco, de ir xogar ás cartas con eles, de levarlles unha bica ou un pouco de licor café, de trabar unha relación. Eu nunca na miña vida fun á misa, e indo de recollida comecei a ir porque era parte do seu día a día, ou levar as vacas ou axudarlles co que sexa. Nese tempo con eles consegues clarificar o que queren contarche. Se ti vas só pensando en gravar algo concreto, o máis probable é que non atopes nada, porque a xente está na súa casa a outras cousas e hai que entendelo.

As recollidas a min déronme unha visión feminista; a deconstrución esa da que tanto falamos aprendina a través das señoras, de darme conta de por que Galicia estaba feita por señoras. De que maneira elas lideraron un movemento moi concreto a respecto da música e do baile, ao igual que moitas outras cousas, pero sempre desde unha submisión constante. Persoalmente, a min fíxome ser a persoa que son.

«O das Tanxugueiras é un fenómeno que se vai estudar nas escolas»

É un movemento complexo porque somos moita xente e hai que atender a moitas casuísticas diferentes; ten que estar analizado como se preserva un patrimonio, pero ao mesmo tempo estamos falando de cousas vivas que hoxe en día teñen un carácter moi diferente do que tiñan hai corenta anos. A iniciativa é fantástica, creo que necesita unha revisión moi fonda e están a presentarse alegacións moi interesantes. Entón, considero que é necesario que o proceso sexa pausado, porque vai ser algo que nos represente durante moitos anos e non podemos deixar a ninguén atrás.

Define a miña maneira de ver o mundo. 6/8 non é máis que un proxecto que acaba de nacer e que agardo que chegue a moitos sitios. Parte da idea que eu teño de dar posibilidades ao rural para, neste caso, formarse en música e baile tradicional. Atende tamén a unha demanda de profesionalización do sector, coa idea de formar xente para ser futuros formadores.

En Galicia estamos na Gudiña, Allariz, Ourense, Pontevedra, Xinzo, Verín e Vigo, e fóra, en Barcelona e Madrid. É itinerante porque vai en contra da idea de abrir espazos físicos nos lugares onde hai xente; creo que hai que adaptarse á situación de cada lugar. Prefiro apoiar a iniciativa local alugando unha sala en cada sitio ao que vou dar clases no canto de xerar eu un espazo propio que non necesito.

O que máis me gusta no mundo é a iniciación ao baile ou á música, a xente que chega por primeira vez a unha aula; esa sensación enganchoume desde o primeiro día. Xisco xa tiña recursos moi curiosos a nivel didáctico. Eu decidín estudar unha carreira de educación e indagar máis na pedagoxía e na didáctica para facer unha investigación teórica do que podería ser o movemento no corpo a través do baile tradicional. Recollín todo iso e fixen unha metodoloxía baseada no movemento máis básico posible para que calquera persoa chegue a poder bailar.

Vaino pasar moi ben e iso é moi importante para aprender. O alumnado moitas veces dime que lle gustan as miñas clases porque non pensa en nada máis. É certo que esta fórmula é moi esixente a nivel mental, pero á vez non es consciente do que estás facendo porque é algo que xorde desde o corpo; se ti deixas o corpo fluír, o corpo fai.

Agora, coa perspectiva do tempo, véxoo moi diferente a cando fun. Penso que foi un fito para a música galega a todos os niveis; a nivel social e cultural fixo que perdésemos un pouquiño ese sentimento de inferioridade que temos de forma constante. Para min, no persoal, foi algo incrible, facer o que eu fago ou o que fan elas e acadar tal exposición. Foi a punta de lanza de algo moi bonito que estamos vivindo nos últimos anos. Creo que é un fenómeno que se vai estudar nas escolas.

«As mulleres lideraron a música e o baile desde a submisión»

Encántame. Eu, ademais, teño a sorte de traballar nalgúns deles, pois estou con Mondra, son moi colega de María e Sara, as Fillas de Cassandra, e teño a sorte de estar na compañía de danza de Fran Sieira. O que aconteceu coas Tanxugueiras deulle un espazo a moita xente para apostar profesionalmente por facer cousas concretas. Tamén é certo que agora a densidade de proxectos é tremenda e penso que vai rachar nalgún momento; falo disto con moitas compañeiras e só espero que a caída sexa suave.

Sinto que levabamos toda a vida pedindo que se mirase para nós, queriamos que se puxese en valor esa herdanza das nosas avoas que nós romantizabamos, e agora que temos a atención, que acontece? Pois que popularizar algo significa que o facemos por e para o pobo e, como consecuencia, perdemos o control, e iso non nos gusta moito, pero eu sinto que ten que ser así. Temos que deixar que se popularice e normalice ata o punto de que cadaquén faga o que lle dea a gana, sempre que a miña liberdade non invada a liberdade de ninguén e viceversa.

Creo que hai que educar, e eu non vou deixar de ensinar o que ensino. Coido que hai moita xente capacitada e cos coñecementos suficientes para levar a cabo un traballo de divulgación, pero despois o que cadaquén faga con iso ten que ser libre, se queremos que sexa popular trátase diso. Se non, para iso metémonos nunha urna e que nos miren todo o tempo, pero iso é o que tiñamos antes e non nos valía.

Quero pensar que si. Teño a sensación de que hai xente nova que se está preocupando por recuperar o galego, xente neofalante. O que está pasando é que o galego se está convertendo nunha lingua de culto, unha lingua de xente estudosa, algo que non pasaba cos nosos avós; todo o contrario, o galego era de xente pobre. Pero son pesimista, non hai máis que ver os datos.

Esta sempre foi unha cidade con moi pouco uso do galego, así como da música e o baile tradicional. Si que é certo que temos asociacións moi fortes coma O Fiadeiro, Traspés ou A Buxaina, e teño a sensación de que algo cambiou nos últimos anos, non sei se polo movemento universitario, polo rexurdir social do centro de Vigo ou polo fenómeno do que falabamos antes. Agora, que ocupemos certos espazos deixou de ser estraño para o resto da xente. Por exemplo, que esteamos en Churruca facendo unha foliada xa non é tan raro, ou que saiamos tomar algo na tarde de fin de ano e toquemos a pandeireta. De feito, na Coruña, que sempre foi referente na música tradicional, agora estase vivindo un retroceso, e sinto que, pola contra, en Vigo cada vez hai máis. Subir unha fin de semana ao San Brais axuda a ese tipo de cousas, saír do centro para vir a Bembrive escoitar gaitas e beber un viño normalízao.

Veño desde moi pequeniño, recordo subir co meu avó toda a vida. aínda que é certo que cada vez é unha festa máis masificada. Creo que a gran diferenza entre o San Brais de antes e o de agora é que, aínda que sempre foi unha festa gastronómica na que a xente viña probar o viño novo, a realidade é que antes a xente viña tocar música e hoxe a xente vén pasar o tempo e hai persoas de todo tipo.

Penso que non podemos prohibir nada; podemos recomendar, educar, intentar influír. Creo que cada un de nós ten que mirar un pouco cara a dentro para pensar e valorar se estamos facendo todo o que podemos para que a festa non se converta nun parque de bólas. Temos problemas moi importantes en Bembrive como é a construción do túnel da A52; se a metade da xente que vai pasalo ben ao San Brais fose protestar porque se vai esnaquizar Bembrive e un montón de veciños van perder as súas casas, posiblemente parariamos o túnel. Esa conciencia social é a que temos que utilizar para pensar en como facemos a festa.

A min encántame, é unha das poucas romarías que quedan en Galicia. Nós, do mundo tradi, somos moi de foliadas, pero a romaría ten un carácter moi concreto. Hai xente de todas as idades e convive un sentimento de devoción, hoxe en día a un santo, pero noutro momento foi a outras cousas, porque é unha festa con orixes pagás, con gana de música, baile, pasalo ben e compartir. Eu recordo o meu avó falar de cando os traballadores de Barreras viñan para o San Brais, e creo que a festa sempre cumpriu un labor social que agora tamén está cumprindo. Algo que tamén me gusta desta festa é que as persoas veñen tocar co resto da xente; é algo que deberiamos empezar a facer máis, porque o bo de Galicia é que temos un repertorio común, que todos sabemos, e aquí póñense en valor esas cantigas.

Ben, todo o que sexa homenaxear o cancioneiro popular paréceme ben. Con todo, este ano estou indo a moitos coles e paréceme que non está nada claro a quen se homenaxea, coido que falta definición. Tamén penso que a Real Academia Galega está sumándose a unha onda e iso é fantástico, pero creo que iso ten que levarnos a algún sitio. Para o recoñecemento da muller no rural, a lingua e a música tradicional popular é un ano histórico e quero ver que se vai facer con iso; eu sei o que vou facer eu e o que levan tempo facendo compañeiros coma Xabier Díaz ou Luís Prego. O cancioneiro popular segue estando vixente, escóitase todos os días. É momento de pensar de que maneira imos empregar isto para homenaxealo todos os días da nosa vida, estas Letras Galegas deberían servirnos para iso.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.