Inaugúrase o Centro Artesá cunha mostra de colaxes da artista viguesa LAW
Este venres 24 abre as súas portas o Centro Artesá, unha iniciativa de Jorge Sánchez e Sabel Sabín que busca ofrecer cursos e obradoiros sobre pintura e historia da arte, ademais de acoller exposicións. A inauguración acollerá a presentación da mostra Perseidas, da artista viguesa Laura Martínez (LAW). O acceso é libre, previa confirmación en artesacentrodearte@gmail.com.
As persoas afeccionadas á arte teñen un novo espazo de referencia en Vigo, concretamente na rúa Pi y Margall, 49. Falamos do Centro Artesá, un espazo ideado polo historiador da arte Jorge Sánchez e a graduada en Belas Artes Sabel Sabín que inicia a súa andadura este venres 24 de xaneiro ás 19:00 h coa presentación da mostra Perseidas, da artista local Laura Martínez (tamén coñecida como LAW). Sánchez e Sabín aproveitarán a ocasión para explicar en que consiste este novo proxecto que, polo que adiantou o primeiro nas redes sociais do local (@centroartesa), trátase dun “lugar de reunión e desenvolvemento artístico no que se levarán a cabo talleres de pintura e debuxo e cursos especializados en historia da arte, visitas guiadas a museos, charlas e coloquios relacionados co sector cultural”.
Volvendo á mostra Perseidas, estará conformada por colaxes (ou collawges, como lles chama a propia artista) de pequeno formato, onde a artista, a través dunha técnica automática case propia do surrealismo, transmítenos unha mensaxe potente, social, feminista e de calidade. Esta vertente expositiva de Artesá está enfocada en dar visibilidade a artistas emerxentes con pouco percorrido no mercado artístico e no circuíto museístico. En definitiva, un espazo de “arte de todos e para todos”.
Para incentivar a participación do público, Artesá está a celebrar na súa conta de Instagram un sorteo dun kit inicial de creador, conformado por un estoxo de 24 pinturas acrílicas con caballete, maletín, paleta e pinceis, o libro El arte: Juegos de Ingenio de Susie Hodge, a matrícula e un mes gratis dun dos cursos no centro Artesá.