Dúas tendas de Vigo para os padais máis exquisitos
Se nestas festas queremos apostar por encher as xuntanzas de produtos de primeira calidade e que a vez falen do lugar do que proveñen, é obrigada unha visita a estas dúas tendas que nos ofrecen delicias elaboradas de forma artesanal e con altas doses de cariño. Fotos: Paula Cermeño
Marqués de Valladares, espazo queixeiro
Rúa do Marqués de Valadares, 21 | @queseriamarquesdevalladares | 986 19 24 59
No corazón da cidade, eríxese un paraíso para os amantes do queixo artesán. Fundada hai nove anos por Alejandro Montes, un asturiano apaixonado por este mundo, a queixería Marqués de Valladares converteuse nun referente en Galicia grazas ao compromiso firme cos pequenos provedores e a promoción da cultura queixeira.
Alejandro fala dunha pequena revolución que está a experimentar o mundo do queixo, impulsada por novos produtores que buscan un cambio de vida no campo e por xeracións de gandeiros que apostan pola calidade e a diferenciación a través de procesos artesáns. Neste contexto, Galicia postúlase como unha área cun potencial enorme, con produtores como Airas Moniz, na Ribeira Sacra, á vangarda da innovación e a excelencia. «Cando abrín, tiña só tres queixos galegos na barra, agora cústame limitarme a dez», explica este experto. O resultado é unha selección de máis de medio cento de referencias de queixos artesáns, que se van rotando periodicamente e para todos os gustos: de vaca ou de ovella, azuis ou trufados, autóctonos ou foráneos… As instalacións, concibidas como unha auténtica cova queixeira, con temperatura e humidade constantes, garanten condicións óptimas para a conservación destes valorados lácteos. Ademais de por calidade e variedade, a queixería Marqués de Valladares defínese polo polo trato personalizado e o afán por achegar ao público a riqueza e variedade do queixo artesanal. O equipo esmérase en asesorar a cada cliente a través da historia, a elaboración e as características únicas de cada queixo.
Como cada Nadal, a queixería Marqués de Valladares prepara unha selección especial ideal para regalar ou gozar na casa. Estes lotes, que se presentan nas súas redes sociais, ofrecen unha coidada selección de queixos con diferentes intensidades, sabores e texturas, para que calquera poida descubrir as bondades das diversas variedades deste manxar. Os queixos chegan perfectamente identificados cunha tarxeta que inclúe unha breve historia, cata e maridaxe. Para máis comodidade, o negocio ofrece envíos a domicilio gratuítos a partir de compras de 25 euros en Vigo e de 50 euros en toda a Península. Sen queixa.
Perle de Italia, in piazza
Rúa da República Arxentina, 19 | @perledeitalia | 886 31 49 19
Coa intención de compartir a autenticidade do sabor italiano, hai dous anos e medio que naceu no centro da cidade unha tenda especializada en produtos de importación italianos. O compromiso coa calidade reflíctese na selección minuciosa de cada produto, priorizando os produtores artesanais que manteñen viva a tradición e o amor polo territorio que comparte o dono de Perle de Italia.
A pasta fresca, un dos produtos estrela da tenda, elabórase na súa terra e impórtase cada quince ou vinte días para garantir a frescura e o sabor. «Poderíamos elaborala aquí e estaría boa, pero tanto a fariña como a auga de manancial teñen un sabor diferente en Italia, e iso é o que buscamos», explica o xerente. Nunha gran variedade de formatos, desde os clásicos tagliatelle ata opcións máis especiais como a pasta reenchida, procedente dun pequeno obradoiro preto de Boloña. Outro dos produtos máis vendidos é a masa de pinsa italiana, unha receita tradicional elaborada con fariñas de trigo, soia e arroz, sen graxas animais e fermentada durante 72 horas. «Ten un sabor espectacular e a que a fermentación lenta senta moi ben no estómago». Na sección de chacinería atópase a auténtica mortadela de Boloña, salchichas frescas, salames, manteiga con trufa e a xoia da coroa: o parmesano ecolóxico, un queixo con máis de dous anos de curación único no mundo, elaborado con leite procedente de vacas brancas de Módena, unha raza que estivo en perigo de extinción e que se está a recuperar grazas a unha actividade gandeira sostible. Tamén hai mozzarella de verdade, burrata da mellor calidade ou guanciale, o touciño italiano co que se pode preparar na casa a xenuína receita da carbonara. Unha visita a esta tenda dános a oportunidade de descubrir produtos menos coñecidos. como a colatura de alici (un extracto da fermentación de anchoas que se remonta á época á Roma antiga), ou a botarga de muggine (ovas de muxo típicas de Sardeña). O comercio tamén conta cunha ampla bodega que acolle algúns dos mellores viños do país con forma de bota.
Ningunha mesa do Nadal italiano está completa sen ese pastel chamado panettone. Para achegar esta doce tradición natural de Milán á nosa cidade, Perle de Italia aliouse coa exclusiva marca milanesa Peck, que unicamente conta con distribuidores internacionais en Singapur e en Vigo. Elaborados con ingredientes de primeira calidade, estes pasteis preséntanse en diferentes variedades, como o clásico con froitas confeitadas, o de café e pistacho, o de chocolate branco… ou na forma do seu curmán pandoro, un doce semellante nado en Verona. En consideración co público celíaco, Perle de Italia conta cunha sección dedicada a produtos sen glute, incluíndo pastas, pizzas, galletas e, proximamente, tamén variantes de panettone. De perlas.