Carlos Blanco e Touriñán espertan en nós unha risa criminal
Rirse dun mesmo din que é a mellor das terapias. Sen dúbida, o ‘Somos Criminais’ de Touriñán e Carlos Blanco axuda, e moito, a rirnos de caracteres marcadamente galegos cos que todos nos vemos identificados.
No espectáculo, de case dúas horas de duración, os dous actores van representando típicas situacións do cotiá que desembocan no peor dos desenlaces: o crime. A escenografía está moi coidada e os humoristas van empregando diferentes elementos da decoración para crear o ambiente adecuado para cada sketch. Os motivos que levan a esas situacións son sentimentos que todos temos experimentado. Representan crimes por acumulación, por envexa, por desconfianza, por suxestión… todo levado ao ámbito galego. Unha discusión polos marcos da leira, a repulsión cara os fans da Panorama ou matar alguén cun arpón.
Ambos actores fan un traballo extraordinario. Tanto Blanco como Touriñán teñen a habilidade para se transformar e dar vida a variopintas personaxes: unha brava de Arousa, o típico garrulo de discoteca e ata ao propio Hitler. Sobre as táboas nótase a experiencia de Carlos Blanco que nos fai rir a esgalla coas súas interpretacións, a súa maneira de falar e esa ben lograda finxida inocencia. Pola súa banda, Touriñán achega espontaneidade e saídas elocuentes que provocan a gargallada do público. A combinación de ambos actores enriba do escenario é, sen dúbida, un gran acerto e agardamos que sexa o inicio de moitas outras colaboracións.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024