REVISTA OUTUBRO

Chus Pato, Jaione Camborda e a Orquestra Vigo 430 entre os dez gañadores dos Premios da Crítica de Galicia

Os Premios da Crítica de Galicia deron a coñecer os dez proxectos ligados as artes e as ciencias premiados nesta nova edición na que se quixo homenaxear ao pintor Antón Pulido, coincidindo co seu 80 aniversario.

O sábado 19 de outubro no Auditorio da Sede Afundación celebrouse a 47ª edición dos Premios da Crítica de Galicia, impulsados en 1978 por Bieito Ledo para recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Baixo o lema «Galiza, a voz que nos designa» de Luisa Villalta, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas da Cultura Galega. Conducido pola actriz Mariana Fernández Carballal, no transcurso do acto o pintor Antón Pulido foi homenaxeado no seu 80 aniversario, sendo o escritor Modesto Hermida García quen realizou a súa gabanza e percorrido biográfico.

‘Sonora’ de Chus Pato que vén de alzarse co Premio Nacional de Poesía foi galardonado co Premio da Crítica de Creación Literaria 2024; o xurado destacou que “Sonora é poesía expandida, mutante, emotiva e intelectual a un tempo, radical nas
formas, profundamente suxestiva no contido”. O premio de música recibiuno a Orquestra Vigo 430, que neste 2024 celebra o seu vinte aniversario, por “crear unha canteira de músicos única en Galicia e visibilizar a estrea de novas obras de compositores galegos.”. Almudena Fernández alzouse co premio de Artes Plásticas polo seu proxecto expositivo no CGAC de Compostela o xurado sinalou que “se trata dunha mostra significativa na súa traxectoria, máis alá do puramente plástico, propoñendo un ámbito de reflexión a través da pintura.” O Premio de Artes Escénicas foi parar a compañía de títeres Tanxarina que no 2023 celebraron 40 anos sobre os escenarios “cunha cualitativa presenza no territorio, manifestada nas súas iniciativas de difusión e promoción de encontros, festivais e exposicións ao carón dunha relevante proxección internacional”. A directora Jaione Camborda foi premiada en Cine e Artes Audivisuais por ‘O Corno’ que en palabras do xurado “marcou un novo fito para o cinema galego, acompañado dunha acollida en salas pouco frecuente en filmes que desafían os estándares do cinema comercial.” O Premio de Cultura Gastronómica recibiuno a Feira do Queixo de Friol e o Pan de Ousá, “unha festa que pon en valor a elaboración artesanal tanto do queixo como do pan, alimentos indispensabeis na nosa tradición gastronómica.” Nesta edición por primeira vez premiouse a Cultura Dixital, e o Café Derby foi galardonado pola “relevancia e dinamización da cultura galega no mundo do podcast”.

Nun ámbito máis científico, na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas o premio recaeu no programa de radio Efervescencia de Manuel Vicente, pola súa labor “na divulgación de ciencia en galego e con perspectiva galega como espazo necesario que resiste desde 2006. ” os compoñentes do xurado tamén enviaron unha lanza a favor dos traballadoras da CRTVG sinalando que “este é o tipo de programas que debera promover e emitir a Corporación de Radio Televisión de Galicia, no canto de afondar neste proceso desgaleguizador e privatizador que levou as traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos a unha folga indefinida.” O Premio de Investigación Social e Humanidades foi para o proxecto ‘Nomes e Voces’, un estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas. Por último, na categoría de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía foi premiado a ‘BMPR2, como novo xene de predisposición a polipose colorrectal hereditaria‘, o xurado salientou deste traballo o descubrimento dun novo biomarcador que pode axudar a predicir o risco dun cancro hereditario de alta prevalencia en Galicia.