CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

O HematoFesti dá a coñecer o programa completo de actividades

O festival impulsado por Ledicia Costas e Alberto Vázquez en tributo ao Hematocrítico xira arredor da literatura infantil, o galego e o humor como industria e vehículo de aprendizaxe. O evento, que se celebrará do 6 ao 10 de novembro, aposta polo ambiente familiar e a boa onda que caracterizaba ao Hematocrítico nas redes sociais. As entradas para asistir ás dúas galas que programa o evento están á venda nesta ligazón.

CAMELIAS NADAL

O legado de Miguel Ángel López, O Hematocrítico, é tan especial porque dedicou a súa vida ao seu amor polo ensino, por achegar aos demais sempre algo en positivo. Xa fose como comentarista nun programa de televisión, divulgando sobre arte ou nos seus libros infantís, pero sempre con creatividade, bonhomía e humor. Porque, como el dicía, “A sorpresa e mais o humor son lubricantes marabillosos para calquera tipo de ensino”. Un festival sen par non só por ser un tributo á memoria de Miguel senón, tamén, por cumprir un soño que el mesmo impulsou en vida: realizar un festival dedicado á literatura infantil e o humor. Baixo a dirección de Ledicia Costas e Alberto Vázquez, esas son as dúas patas sobre as que se sustenta o HematoFesti.

No ámbito da literatura infantil Vigo acollerá por primeira vez a iniciativa Pequenos Xigantes da Lectura, un certame escolar de lectura en alto que se celebra en Francia con gran éxito desde 2012 e que, levará a un ou unha escolar de 4º de Primaria, tras varias roldas clasificatorias nos colexios vigueses, a competir na final nacional na Feira do Libro de Madrid, lendo en galego. Ademais, catro librarías, a Galería Maraca, o espazo didáctico do MARCO e a sede da Asociación Évame-
Oroza acollerán contacontos e talleres
entre o 6 e o 10 de novembro e o Museo de Arte Contemporánea, MARCO, albergará unha Sala Gaming en colaboración con Nintendo España. Mentres que todas estas actividades están orientadas a gozar do festival por parte do público familiar, o sábado 9 de novembro a Sede da Deputación de Pontevedra, acollerá a xornada ‘Queremos literatura infantil?’ un gran encontro da literatura infantil en xeral, e en galego en particular, coa presenza de grandes nomes como Diego Arboleda, Sara Cano, María Solar ou a propia Ledicia Costas, entre outros moitos. Neste evento tamén terá lugar a entrega dos premios “Lenda do Recreo” que recibirá Manuel Bragado, e a primeira edición do premio de álbum ilustrado infantil “Humor con H” en homenaxe ao Hematocrítico (Dotado con 5.000€ e a edición do mesmo nas catro linguas oficiais).

O humor non podía faltar e estará presente con dous grandes eventos cuxas entradas xa están á venda dispoñibles na páxina web do festival. A HematoGala celebrarase o xoves 7 de novembro no Auditorio Mar de Vigo e contará coa presenza, entre outros, de Amaral, Nacho Vigalondo, Carolina Iglesias e Laura Márquez. Ao día seguinte, no Teatro Salesianos terá lugar a xornada Queremos Humor que repasará todas as facetas divulgadoras e humorísticas do Hematocrítico con invitados como Noel Ceballos, Nus Cuevas, Amaro Ferreiro, Berto Romero e Arturo González Campos. Abordando un aspecto que adoita tratarse pouco, coma o económico, no encontro ‘CIJE afterwork: A cultura tamén é economía’, este festival afondará noutra cousa que nos aprendeu Miguel: que a cultura pode ser e é unha forma de vivir e de gañarnos o pan diario. Os horarios e o programa completo de actividades pode consultarse nesta ligazón.